Suso de Toro reconstrúe a historia da familia Baltar no seu novo libro

M. García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Fran Alonso, Uxía e Suso de Toro, na presentación en Bonaval
Fran Alonso, Uxía e Suso de Toro, na presentación en Bonaval Sandra Alonso

O autor compostelán dedicoulle máis dun ano a Un señor elegante, que supera as cincocentas páxinas para abordar unha historia de máis dun século

20 nov 2020 . Actualizado a las 10:39 h.

«O que saíu é un romance». Así definiu o escritor Suso de Toro o seu novo libro, Un señor elegante (Xerais), no que reconstrúe a historia da familia Baltar -oriúnda de Padrón e afincada en Santiago-, que en distintos momentos protexe a Rosalía de Castro e Murguía e logo á familia Castelao ou Dieste. Precisamente, onte presentou esta novela de non ficción a carón do Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval.

O autor compostelán dedicoulle máis dun ano a este traballo que supera as cincocentas páxinas para abordar unha historia de máis dun século, que parte do XIX e atravesa todo o XX, e na que sobresae un nome propio: o do médico Ramón Baltar. Precisamente, Suso de Toro, segundo foi debullando nas últimas semanas sobre o proceso de documentación, explica que houbo dúbidas co título, barallándose, entre outros, o de Doutor Baltar, O disidente, Con tinta invisíbel e Un home discreto para decantarse finalmente polo de Un señor elegante para ofrecer non só a historia da familia Baltar, senón tamén a revisión do «pasado resistente da Galicia antifranquista».

Foi a mediados do ano pasado, o 2 de xuño do 2019, cando o escritor decide poñerse a escribir esta historia da familia Baltar, segundo lembra no prólogo. Sen embargo, os primeiros achegamentos hai que atopalos anos antes, no 2004, cando se estaba documentando sobre o que era a vida de Compostela ao redor de 1936 para Home sen nome.

Un señor elegante -presentado onte coa presenza de Xosé Sánchez Bugallo, Fran Alonso e a cantante Uxía, que interpretou varias cancións- será publicado tamén en castelán e en catalán o vindeiro ano.