Galego e futuro


Este artigo está suscitado pola lectura do que publicou o 8 do presente mes, neste mesmo xornal, o profesor Henrique Monteagudo. Estou plenamente de acordo en que «o uso do galego está en retroceso nas xeracións máis novas», o que se debe -engade- a que estas abandonárono, pois, «na maior parte dos casos non o recibiron», non se lles transmitiu no fogar por moito -engado eu- que esta mocidade teña asistido nas aulas a clases de lingua galega e a materias explicadas nesta lingua.

Por que estamos nesta precaria situación? En parte, porque, durante 170 anos, os grandes movementos galeguistas -reivindicadores do idioma- esqueceron ou non atenderon debidamente un aspecto esencial: que o galego, ademais de lingua literaria (escrita, por tanto), tería que volver ser a lingua oral e familiar dos estamentos das familias acomodadas, cultas e con certo poder social. En xeral, non foi así. Os mesmos grandes protagonistas da reivindicación fixérono, de portas afora, pensando, esencialmente, na lingua escrita, pero na casa, no fogar, mantiveron como lingua normal (e nobre) o castelán. É certo que, no Rexurdimento, as grandes personalidades loitaron por escribiren en galego (algúns xéneros), pero, mentres, Rosalía, a Fundadora, e Murguía, o Patriarca, falaban no seu lar e cos conxéneres en castelán (Nin sequera sabemos hoxe en que idioma se dirixían, eles e os seus fillos, ás criadas de servir). O mesmo aconteceu nas Irmandades da Fala e na mesmísima Xeración Nós, e, desde 1950, co grupo de Galaxia, onde significados representantes (Otero Pedrayo, Carballo Calero, Fernández del Riego...) eran monolingües en castelán para fillos e parentes. Cando xa había bastantes militantes orais do idioma, eles non militaban, na familia, á hora de xantar.

Hoxe, nos estamentos acomodados, cultos e con certo poder, hai algúns centos de falantes de galego dentro e fóra do fogar, pero eles non constitúen esa clase social nin a representan. Son, simplemente (e a moita honra) militantes da causa do idioma. E os militantes non perpetúan un idioma se non atraen aos non militantes.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Galego e futuro