Sánchez Palomino: «A lingua non se perde mentres haxa falantes: aí é onde hai que traballar»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A nova académica de número é especialista en lexicografía
A nova académica de número é especialista en lexicografía rag

A nova académica de número da RAG traballa en varios proxectos de dicionarios da institución

19 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A nova académica de número da RAG, María Dolores Sánchez Palomino, catedrática de Filoloxía Románica da Universidade da Coruña, traballa actualmente en ata tres proxectos relacionados con dicionarios na institución: a revisión e actualización tanto do dicionario da Academia como do Dicionario bilingüe castelán-galego, ademais da codirección e posta en marcha do Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega. Sánchez Palomino comezou a súa colaboración coa RAG en 1990 co Seminario de Lexicografía e é académica correspondente dende o ano 2004. «É certo que levo colaborando coa Academia hai moito tempo», explica. «Pola miña parte, seguirei traballando como ata agora. Aínda que xa era así antes, sigo a disposición da academia para o que precise, pero agora, se cabe, en maior medida e con maior responsabilidade polo feito de ser académica de número», engade.

-E xa participaba neses dous proxectos, o do dicionario bilingüe e mais o histórico e etimolóxico.

-A nova edición do Dicionario bilingüe castelán-galego creo que en breve terá unha edición en liña. É unha actualización conforme á evolución social, por unha parte, e á evolución do propio dicionario monolingüe por outra, porque están en consonancia e hai incorporacións de voces. O Dicionario histórico é unha vella aspiración, non só da lingüística e da filoloxía galega, senón tamén da románica en xeral. Vén cubrir un baleiro moi importante que tiñamos. É un traballo a longo prazo. Comezamos agora coa fase inicial, que é a recompilación de todos os materiais na plataforma na que se vai traballar e se vai poñer a disposición do público, porque todo o que fagamos vai ser público e gratuíto. Irá pouco a pouco. Os dicionarios sempre son a longo prazo, pero un dicionario coma este, histórico e etimolóxico, que abrangue practicamente todo o léxico dunha lingua, é labor de moita xente e labor a medio e longo prazo.

-Ás veces esquecemos que unha lingua está en constante cambio e ten un pasado, que ese dicionario axudará a poñer en perspectiva.

-Si, a verdade é que a min a perspectiva diacrónica gústame moito, porque che permite conxugar moitos aspectos, como a evolución semántica dunha palabra, dende a súa propia orixe, a través dos tempos. Esa palabra puido ser abandonada no uso ou o contrario, aumentalo. E tamén a súa evolución fonética, coas distintas variacións que pode haber na fala. Serve moitísimo para a comprensión dos textos, antigos, medios e modernos. O dicionario recolle todo o que hai escrito, todo o que hai feito, os estudos a nivel léxico, é unha obra inxente, dende logo, pero moi interesante.

-Falaba do dicionario como un servizo público: pode verse como unha ferramenta moi útil, pero tamén a parte máis visible do traballo da Academia.

-Si, si, un dos moitos valores do dicionario é, sen dúbida, ese. Temos a satisfacción de que ese traballo é útil para a sociedade, ademais, en todos os eidos. Pode selo na educación, na tradución, como ferramenta no desenvolvemento de moitos traballos. O papel do dicionario é importantísimo dende hai séculos, o que pasa é que dunhas décadas para acá tivo un rexurdir moi importante pola calidade dos traballos que se estaban facendo, tanto dos estudos como dos propios repertorios, e pola súa introdución de pleno dereito no ensino. Estamos nun momento de fervor lexicográfico. Son obras moi importantes, efectivamente. En todas as casas hai un dicionario, polo tanto, quere dicir que é unha obra moi usada e moi útil, e iso para nós é unha satisfacción.

-Na súa haberá moitos...

-[ri] Si, teño moitos dicionarios na miña casa!

-E qué é para vostede un dicionario, como concepto? Que representa, que relación teñen?

-Obviamente, non podo ser parcial, é o meu eido fundamental de investigación e levo traballando nel moitos anos, décadas. Creo que hai cousas que non se poden discutir, incontrovertibles. E os dicionarios veñen recoñecéndose como obras importantísimas dende hai séculos. O dicionario prestixia unha lingua. Unha lingua que ten un dicionario, un dicionario estándar, digamos que goza dun prestixio que non teñen outras. Esa lingua pasa a formar parte dun grupo de elixidas coas que se pode traballar nun proxecto de investigación importante. Pero ademais, un dicionario é unha obra que é sentida polo pobo, pola xente, como un compendio do que é correcto ou non, o cal requiriría moitas matizacións, habería que dicir máis ben do que é estándar ou non. Por outro lado, o dicionario é un reflexo da organización socioantropolóxica e cultural dun pobo. É como esa cultura dun pobo en pequenas pílulas en cada voz. Pero non hai que esquecer tamén que nun mundo no que a comunicación entre as persoas é tan importante, as interrelacións persoais e a todos os niveis, os dicionarios, sobre todo os bilingües, teñen a función importantísima de facilitar esa comunicación. Miremos por onde miremos, o dicionario é un dos piares da estandarización, xunto coa gramática e a normativización, gráfica e morfolóxica.

-Falaba de prestixiar unha lingua. Durante moito tempo, era necesario gañalo para o galego. Agora a batalla é reverter a perda de falantes.

-Xa se vén dicindo dende hai tempo e penso que nese sentido a situación non conseguimos revertela polo momento. A lingua non se perde mentres haxa falantes. Estas obras son moi importantes, sen dúbida, dicionarios, gramáticas, pero o fundamental é que a lingua se utilice e se fale. Hai que traballar para ter cada vez máis novos falantes, que non pasa nada por ser un novo falante. Intentar que a xente se incorpore cada vez máis ao uso da lingua galega e, por outra banda, que se faga un bo uso da lingua, non meramente institucional, e que se transmita a lingua de xeración en xeración. Aí é onde hai que traballar máis.

A entidade ten pendente cubrir as vacantes deixadas por Luz Pozo Garza e Xosé Luís Franco Grande

Sánchez Palomino ocupará a vacante na Real Academia Galega producida polo falecemento en decembro do 2019 de Andrés Fernández-Albalat, polo que a entidade ocupa a cadeira dun arquitecto cun perfil de carácter filolóxico. Ao longo deste 2020 o plenario tamén perdeu a outros dous académicos de número que ocuparon as súas cadeiras durante máis de dous decenios, a escritora Luz Pozo Garza e o tamén poeta, autor dun influinte dicionario e avogado Xosé Luís Franco Grande. Son dúas prazas vacantes, xa que logo, para que o pleno acade o seu número habitual de académicos, despois de que no ano 2000 baixase de corenta a trinta. Actualmente, o pleno conta con seis académicas de número, ás que se suma agora Sánchez Palomino, representación que podería medrar cos nomeamentos pendentes.