O Cineuropa premia a loita pola memoria de Margarita Ledo, que estrea «Nación»

O novo filme da realizadora, que trata sobre as traballadoras dunha vella fábrica de cerámica, chega a Galicia despois de acadar o éxito no Festival de Sevilla

Margarita Ledo agradece o premio en presenza do director de Cineuropa, José Luis Losa
Margarita Ledo agradece o premio en presenza do director de Cineuropa, José Luis Losa

santiago / la voz

A cineasta e académica Margarita Ledo (Castro de Rei, 1951) presentou este martes, por vez primeira en Galicia, o seu último filme: Nación, que narra a experiencia e a loita dun grupo de antigas traballadoras da fábrica de cerámica Pontesa. A estrea foi no teatro Principal de Santiago, onde tamén recolleu o premio con que o certame Cineuropa recoñece «a súa infatigable loita pola memoria e o rol feminino na historia do noso país». O galardón do certame compostelán chega despois de acadar o éxito no Festival de Sevilla, onde Ledo foi distinguida co premio especial á mellor dirección de película española.

A cinta mestura material de arquivo con testemuños e secuencias interpretadas por actrices profesionais. Todo iso, xunto cunha atmosfera sonora ao cargo de Mercedes Peón, para lembrar e reparar a historia dunhas mulleres que non só perderon un traballo e un salario de seu, explica Ledo, senón tamén a independencia de quen ten opcións. «A película trata de apagar a escuridade e de ir en contra do borrado da memoria e das experiencias», sinala a cineasta, que puxo o foco sobre «unha empresa altamente produtiva que acabou esfarelada, en mans de especuladores e corruptos, e coa que as mulleres seguen en litixio polos seus dereitos».

A narración transita entre a poética, o documento e a reflexión histórica, que son tres piares que a directora xa incluíra previamente nalgún dos seus traballos, mais que desta volta, di ela, «engarzan como un mesmo elemento de forma constante». E aclara que o seu traballo non é un relato informativo do que aconteceu, senón que é unha película onde houbo moita descuberta. «Desde o punto de vista da produción, unha das cousas máis difíciles foi entrar na antiga fábrica de Pontesa, pero había que facelo para ver o que pasaba», relata Ledo. E o que pasou foi que deron cun «desencadeante total da memoria, que se centrou nos aspectos máis terribles para as protagonistas, cando o peche da fábrica».

«Cinema situado»

Esa conxunción de materiais e tratamentos da que se vale Margarita Ledo non é o único que destaca no filme. Nación é unha cinta en galego, de clase e xénero; tres pezas clave, considera a autora, para facer desta historia algo universal desde a realidade que lles é propia ás protagonistas. «Calquera das mulleres de Pontesa é calquera muller. Falan para o resto e poden representalas, pero fano desde un contexto determinado. Aí está o cinema situado», afirma.

Sobre o premio que lle concedeu Cineuropa, a realizadora móstrase agradecida polo recoñecemento dun festival que celebra enormemente, tanto por sentilo próximo -algúns dos seus traballos tiveron a súa estrea nel- como pola súa propia actividade. «Convoca moitos dos aspectos que me interesa traballar e trae cinematografías de países pequenos, como o noso, e non só do cinema dominante», conclúe Ledo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O Cineuropa premia a loita pola memoria de Margarita Ledo, que estrea «Nación»