Un dragón moi especial imaxinado por Carlos López e Óscar Villán

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En boa medida, a fascinación e o pavor que inspiran a partes iguais os dragóns nace do seu lume interior. Pero que pasaría se un deles perdese esa habilidade? Así é a criatura especial que protagoniza O dragón que non botaba lume (Galaxia), nacida do maxín de Carlos López e as ilustracións de Óscar Villán.

«Dos animais que non existen, o dragón é o máis real», reflexiona Carlos López. «Converteuse por méritos propios en personaxe recorrente na literatura infantil porque dá moito xogo debido ás súas calidades extraordinarias. Iso de ceibar chamas pola boca sen que na túa dieta entren as guindillas resulta fascinante», subliña con humor, como corresponde a quen combina a faceta como escritor coa do humorismo gráfico que practica a diario en La Voz canda David Pintor como Pinto & Chinto. «Tentei armar un conto cheo de humor, o xénero onde me sinto máis cómodo, aderezado cun chisco de tenrura. Busquei que os rapaces pasasen un tempo de lectura entretido e cun sorriso de principio a fin», expón. Esa gozosa dimensión lúdica non exclúe máis lecturas da historia, como a de para que se usa o poder que un leva consigo, unha reflexión que se pode extraer a partir das peripecias que emprende o dragón para recuperar a súa característica habelencia, aínda que López aclara que non se sentou a escribir «con intención moralizadora»: «O feito de narrar unha historia é e si mesmo unha mensaxe».

Ese dragón saído da súa imaxinación leva no papel o aspecto que lle outorgou o debuxante Óscar Villán. «Foi unha sorte poder contar con el para este proxecto», felicítase López. «Á vista está que Óscar achegou unhas ilustracións magníficas, plenas de lirismo e singular sentido da cor. A súa visión gráfica da narración é moi fermosa. El anda sempre á procura de formas novas, e aquí deseñou un dragón ben simpático. Os seus debuxos maridan á perfección co texto», conclúe.