Arredor da Xeración Nós

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O estoxo reúne os catro libros arredor das figuras de Castelao, Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas
O estoxo reúne os catro libros arredor das figuras de Castelao, Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas

Unha edición especial de catro libros lembra o compromiso dos galeguistas

16 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano que se conmemora o centenario da primeira publicación da revista Nós, unha edición especial de catro libros sobre a xeración de intelectuais e galeguistas conmemora a súa calidade visionaria e un proxecto de futuro para o país do que aínda se poden extraer moitas leccións. O xornalista e escritor Paco López-Barxas, o artista Baldomero Moreiras e o editor José Luis Teófilo Piñeiro colaboraron para facer realidade un estoxo que reúne catro achegas centradas noutros tantos persoeiros: Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas.

López-Barxas parte da perspectiva orixinal de recrear as voces en primeira persoa dos escritores, ao tempo que escolma algúns dos seus textos e reúne unha pluralidade de voces, de distintos ámbitos e épocas, que reflexionan sobre a transcendencia da obra e do exemplo que propuxeron. Moreiras, pola súa banda, achega os retratos plásticos dos escritores e composicións de carácter case alegórico -un lector baixo unha árbore, unha muller con pombas, unha figura humana nun carro- para as que emprega a técnica da colaxe. O seu traballo figura tanto nos catro volumes individuais como na tapa do estoxo de Arredor de Nós. 100 anos dunha xeración irrepetible. «As ilustracións son feitas todas elas con recortes de cartolina pegada sobre cartolina, técnica que sempre tomo para este mundo do cartaz e as ilustracións, coa que espero conseguir unha máis rápida síntese expresiva, pechar o concreto nunha liña certeira, rápida», describe Moreiras, para quen a Xeración Nós «foron e seguen sendo o gran referente, a posta en valor da nosa identidade, da identidade do pobo».

Nunha liña semellante exprésase José Luis Teófilo: «Deles aprendemos que a cultura ten un papel fundamental pola súa capacidade de crear puntos de encontro, baseados na mellora da nosa convivencia», reflexiona o editor. «Vistos individualmente, todos eles achegáronos unha calidade persoal inmensa para modular a Galicia que agora temos, e para marcar directrices que aínda nos servirán moito tempo no futuro. Vistos a través das súas obras, observamos que as diferenzas se organizan de forma natural, como un só fluxo que evoluciona», engade.

Xa que logo, a achega que propón López-Barxas combina o enfoque didáctico e ameno co concepto de recoller o esencial da vida e a obra de Castelao, Risco, Otero e Cuevillas, pero que, ao mesmo tempo, actúe como convite a internarse máis polo miúdo no seu pensamento e nas súas obras. Catro retratos individuais dos que agroma unha visión colectiva, por riba de sensibilidades e diferenzas. «Aquí vemos xuntos aos persoeiros vitais para a construción da modernidade de Galicia; aos homes que conviviron nesa idea expansiva que nacera do Rexurdimento e que se fixo máis real e viable no transcurso de moitas décadas do século pasado, ata o momento de autogoberno que coñecemos», afirma José Luis Teófilo. «Un estatus que viñan demandando, explícita ou tacitamente, os voceiros desta xeración que puxo en palabras os devezos dun colectivo social que era dono dos sinais identitarios herdados a través dos séculos», conclúe.