Legado luminoso

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

13 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Da universidade portuguesa do Algarve recibín nestes días un coidado volume de cen páxinas co título A escritura que ilumina / O legado epistolar de José Mejuto Bernárdez (Preso antifranquista, 1936-1937). Publícao, en galego, no campus de Faro, o Centro de Estudos Galegos co que colabora, como subdirectora, a profesora galega María Jesús Botana Vilar, responsable, nesta ocasión, da edición literaria do volume. O seu nome está moi presente nesta iniciativa e na súa realización. Que eu saiba, é o primeiro libro que leva a Portugal a noticia -e algúns textos- do labor epistolográfico desenvolto no cárcere por un republicano galego condenado a morte. Trátase dun volume no que se estudan as 36 cartas que José Mejuto Bernárdez escribiu á familia nos primeiros meses da Guerra Civil. Nacera en Coiro (Cangas do Morrazo, 1906) e foi executado, en Pontevedra, con outros compañeiros de infortunio, despois de negárense a recibir os auxilios espirituais ofrecidos polos franciscáns.

Era mecánico de profesión pero xa pertence á historia da literatura epistolar desde que, en 2015, Alvarellos (Santiago) publicou Cartas de un condenado a muerte. Naquela publicación figuraban estudos de Xesús Alonso Montero, Ana Paula Mejuto e Olivia Rodríguez González, estudos que, refeitos e ampliados, figuran neste volume de 2020. Aquela publicación tamén ofrecía un miniprólogo de Eduardo Galeano (xa escrito in lecto doloris).

A historia externa do epistolario, das 36 cartas, debería contarse moi polo miúdo, e nesa historia hai unha data decisiva: o día en que se coñecen no mítico café Tortoni, de Bos Aires, a profesora Olivia Rodríguez e a neta do autor, Ana Paula Mejuto, quen, con 18 anos, leu por primeira vez as 36 cartas e chorou bágoas desconsoladas «durante días». Tíñaas gardadas, nunha maleta sagra, a avoa, que emigrara cos catro fillos, anos antes, para que os varóns non fixesen o servizo militar no Exército que executara a José Mejuto despois de xulgalo na máis absoluta indefensión.

Xa publicadas as cartas en Galicia, Ana Paula, que é da caste das xenerosas, doou á Real Academia Galega os 36 orixinais.