«Bernarda», espectáculo de Malasombra, o gran triunfador nos premios María Casares

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da montaxe teatral «Bernarda», sobre texto de Jose Prieto
Detalle da montaxe teatral «Bernarda», sobre texto de Jose Prieto

As obras teatrais «O meu mundo non é deste reino» e «Liberto» fanse con dous galardóns cada unha. «Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos», mellor montaxe infantil

09 nov 2020 . Actualizado a las 22:40 h.

Nun ano de excepcionalidade -tamén teatral-, a cultura galega trata de non perder espazo. Este é un dos obxectivos que persegue a 24.ª edición dos premios María Casares, a pesar de que a pandemia obrigou a prescindir da habitual gala e a recorrer a unha entrega de galardóns virtual, vía da que, por outra banda, tamén botaron man moitas montaxes para as súas representacións ao longo deste 2020. Foi a través das redes sociais como o a afeccionado puido comprobar este luns como a compañía Malasombra Producións se alzaba como gran triunfadora dunha velada que viu como dez espectáculos -concorrían dezaseis- obtiveron algún dos recoñecementos en xogo.

O espectáculo Bernarda -da citada agrupación compostelá- acaparou catro premios, en categorías de tanta relevancia como a de mellor espectáculo, a dirección e o texto orixinal (todos na persoa de Jose Prieto) e a actriz secundaria (Celia González). O premio de dirección foi compartido ex aequo con María Peinado, directora de O meu mundo non é deste reino, montaxe promovida por Teatro da Ramboia e que igualmente se fixo co galardón á adaptación, tamén para Peinado, que fai unha versión libre do texto de Manuel María Farsa de Bululú.

Os dous recoñecementos acadados por O meu mundo non é deste reino fan desta obra a outra vencedora da gala, xunto con Liberto, da compañía Rebordelos, que gañou os galardóns nos apartados de actriz protagonista (para Rocío González) e de música orixinal (escrita por Lucía Aldao).

Outros sete espectáculos conseguiron galardón nestes premios. Idiota, de Redrum Teatro, acadou o de mellor actor protagonista (Machi Salgado); Medida por medida, a montaxe de Shakespeare realizada por Producións Teatrais Excéntricas en colaboración co FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo), logrou o de mellor actor secundario (Josito Porto); Neorretranca e posmorriña, do Centro Dramático Galego, alzouse co de escenografía (para Marta Pazos); O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante, levou o premio no apartado de iluminación (Laura Iturralde); Despois das ondas, de ButacaZero, logrou a estatuíña na categoría de vestiario (Carlos Pinilla); e Vida de cans, obra de Cándido Pazó producida por Talía Teatro, obtivo o de maquillaxe (para Martina Cambeiro). Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, fíxose co premio ao espectáculo infantil.

A vicepresidenta da Asociación de Actores de Galicia (AAAG), Mónica García, leu o discurso que o colectivo fai público en cada gala dos María Casares. Agradeceu ao Centro Dramático Galego que abrise as súas portas para «unha atípica entrega de premios» e reflexionou sobre a preocupante conxuntura actual. «Hoxe por hoxe, neste aquí e neste agora, estrañamos o que xa non temos: esa normalidade que sempre foi medio e obxecto para nós, as xentes do teatro, para cuestionarnos todo dende a escena», sinalou antes de engadir: «E si, houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción -proseguiu García-, pero todo mudou: tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público. Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a dos seus traballadores», dixo a vicepresidenta para mostrarse crítica coa resposta da Administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: «Deixounos á intemperie», reprobou tras considerar insuficiente e deficitario o plan de reactivación da Consellería de Cultura.

Premio de honra

Na mesma liña se expresou Flor Maceiras, que recibiu o galardón de honra Marisa Soto e que, no seu discurso, agradeceu o recoñecemento e sinalou que «o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos. E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha Administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento».

Os premios María Casares están impulsados pola AAAG coa colaboración da Xunta, a Deputación da Coruña e a Fundación Aisge (Artistas, intérpretes. Entidad de gestión de derechos de propiedad intelectual).