As visitas guiadas a «Galicia, de Nós a nós» chegan á aula por videoconferencia

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

En torno a 1.900 estudantes participan nas 62 visitas didácticas
En torno a 1.900 estudantes participan nas 62 visitas didácticas

Case 2.000 estudantes participan nos percorridos virtuais pola exposición na Cidade da Cultura

05 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As limitacións de desprazamentos e de aforo nas visitas con guía ou da man de expertos non van impedir coñecer ao detalle a mostra Galicia, de Nós a nós, que está aberta no Museo Gaiás. A Cidade da Cultura puxo en marcha un programa pioneiro en Galicia de visitas didácticas por videoconferencia de xeito que os estudantes poden realizar o percorrido polas pezas que amosan a pegada da xeración Nós e da publicación da que se celebra o seu centenario sen levantarse do seu pupitre e interactuando co guía.

«Non é o mesmo esta visita por videoconferencia que a presencial, pero tamén é interesante porque permite complementar a experiencia con outras sensacións, como pode ser a música ou incluír unha película na que actúa Castelao, que non sería posible se estiveran ‘in situ'. Os estudantes están moi afeitos ao audiovisual e isto gústalles, atrápaos, porque ao final a imaxe é moi atractiva», asegura Paula Toimil, encargada de realizar estas visitas didácticas en directo xunto a Xoán Escudero. Son 45 minutos nos que as «chiscadelas» para implicar ao alumnado son constantes, empezando polo mapa Fontán e como está recollida a súa localidade nel ata un percorrido polas portadas de todos os números de Nós.

Paula Toimil explica que a resposta do alumnado a este tipo de visitas por videoconferencia está sendo «moi boa», como amosa o interese na parte final, onde son frecuentes as preguntas sobre a escasa presenza de mulleres como colaboradoras da revista -só tres publicaron artigos- ou sobre o destino dos protagonistas da Xeración Nós. Pero se algo destaca a guía é a posibilidade de aproximar a exposición a rapaces que doutro xeito non o farían, caso de catro alumnos de Navia de Suarna: «Sei que se foran presenciais non virían ata o Museo Gaiás». En total, en torno a 1.900 estudantes participarán nestas visitas didácticas.

Pero as restricións de aforo tamén teñen incidencia no resto das visitas programadas á mostra, caso das previstas todos os martes deste mes e o día 1 de decembro da man dos dous comisarios, Ana Acuña e Afonso Vázquez Monxardín, así como de expertos como en diferentes eidos, como Olivia Rodríguez, Pepe Barro e María Xosé Fernández Cerviño. Así, ao poder participar nestes momentos unicamente catro persoas, a Cidade da Cultura anunciou que serían gravadas e subidas á rede para que todos poidan seguilas. Os que se manteñen son os percorridos comentados habituais diarios, iso si, con inscrición previa.