«Detrás de toda a obra de Díaz Pardo hai un compromiso con Galicia»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

XOAN A. SOLER

O Museo Gaiás abre o venres unha exposición sobre o polifacético creador

03 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Isaac Díaz Pardo tivo toda unha vida dedicada de xeito desinteresado a unha causa, e esa causa é Galicia». Amosar ese compromiso é o obxectivo que perseguen Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, fillos do polifacético creador, na exposición As miradas de Isaac, que conmemora o centenario do seu nacemento e que poderá visitarse a partir deste venres no Museo Gaiás. Nela reuniranse máis de 350 pezas, algunhas delas inéditas, como o autorretrato en lapis que o autor fixo con 20 anos atopado de xeito casual no medio da revista Cousas da vida.

Articulada en dez seccións, a mostra comisariada por Camilo e Xosé Díaz, abordará o carácter polifacético de Isaac. «Foi un artista plástico, fixo cadros, deseños, máquinas, edificios, museos, editoriais, cerámica..., de todo; pero o que nos interesa é lembrar a visión ética que tiña Isaac con respecto ao seu pobo, ao seu país. Detrás de toda a súa obra hai un compromiso con Galicia, de dotala dunha infraestrutura cultural, dunha memoria histórica», explica Xosé, ao que seu irmán Camilo engade que «foi un home obsesionado con recuperar a memoria histórica do noso país, seguramente foi seu pai, Camilo Díaz Baliño, o que lle inculcou toda esa vocación». Precisamente, o percorrido expositivo comeza por esa pegada para rematar coa creación do Museo Maside, despois de deterse na plástica, na súa obra literaria, no eido editorial ou no seu traballo no eido da cerámica, onde non podía faltar Sargadelos.

A pesar de que Camilo e Xosé coñecen ben o universo do seu pai, argallar esta mostra tamén lles supuxo «algunha sorpresa». «Fóronnos chegando carpetas con bosquexos de deseños que el facía para as pezas de cerámicas», explica Camilo. E, para o público, que poderá descubrir? «A sorpresa será ver reunida toda a súa polifacética actividade que, resulta, ás veces, un pouco abrumadora. Unha persoa que é capaz de facer unhas pinturas tan extraordinarias e, de repente, tamén unha máquina complicadísima. Exerceu de artista plástico, pero tamén de enxeñeiro, de arquitecto...», responde Xosé. As miradas de Isaac incluirá vinte vitrinas nas que «amosar a parte máis descoñecida» do artista, como deseños, documentos, fotografías, que se unirán aos cadros e a cerámica, entre outras pezas.

Pero, tiña Díaz Pardo preferencias entre as actividades que desenvolvía? «Non, estaba feliz con calquera delas, tanto as industriais como plásticas, de deseño como editoriais. Non desatendía nada», responde Xosé. Nese senso incide Camilo: «Controlábaas todas. Cada vez que ía a Sargadelos, revisaba toda a planta de produción». Unha esixencia que tamén lles inculcou. «Sempre foi moi esixente, sempre nos puxo aos irmáns como exemplo en todas as empresas que foi creando. Era un home moi austero», di Camilo. Ambos irmáns inciden na cercanía que sempre lles transmitiu, nunha imaxe acorde coa que desprendía cara ao exterior, xa que recibiu moitos homenaxes. «O cariño foi consecuencia da súa xenerosidade», indican.

Na mostra non queren que sexa só a visión dos fillos, por iso, contaron con expertos en cada sección. «É unha exposición capital para amosar a un home clave na recuperación da memoria histórica e a cultura galega», afirma Camilo. Precisamente, seu irmán subliña que «non hai ningún personaxe que tivera unha visión de Galicia como a del, modernizadora, pero tamén con referencias profundas á tradición».