A Mariña

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

03 nov 2020 . Actualizado a las 19:57 h.

Mariña lucense sempre me pareceu unha comarca espectacular en moitos aspectos e quizais sexa das menos coñecidas de Galicia. É un amplo territorio histórico que abrangue practicamente todo o cantábrico galego e lugar onde estaba asentada a antiga Britonia fundada polas emigracións celtas chegadas dende as illas británicas. A Basílica de San Martiño de

Mondoñedo no concello de Foz é considerada a Catedral máis antiga da península e aí era onde estaba a sé episcopal. Terra do Bispo San Gonzalo que segundo lembra a tradición repeleu milagrosamente as invasións normandas que chegaban a aquelas costas conseguindo afundir os

seus drakars a base de pregarias.

A Mariña é unha comarca inzada de historias como as referidas ao Mariscal Pardo de Cela e a resistencia na súa fortaleza de A Frouseira en Alfoz, con todo o que significou no devir de Galicia. Sonterras do mítico mago Merlín e do mestre Don Álvaro Cunqueiro que lle deu vida, persoeiro sobranceiro da histórica Mondoñedo das Covas do Rei Cintolo. Lugar de nacemento das gaiteiras que en Ribadeo formaron o grupo Lembranzas naqueles anos sesenta quizais a primeira banda de gaitas que se creou en Galicia. Terra de tradicións arraigadas como a do Naseiro na histórica vila de Viveiro, enclave de antigos portos baleeiros e hoxe dos mellores boniteiros, das fabas de Lourenzá, das fermosas cerámicas de Sargadelos, terra de indianos e de impresionantes feiras como a de As San Lucas con reminiscencias medievais. Sempre que podo visitar A Mariña gozo plenamente dunha comarca chea de matices e única.

Tanto parecido e tanta diferenza ao resto de Galicia resaltan a riqueza e o atractivo deste vasto territorio de 15 concellos costeiros e de interior. Benquerencia, á beira do mar, foi un dos meus lugares referenciais de lecer; dende alí facíamos un turismo cultural que nos levou a coñecer fermosísimos paraxes cunha arquitectura propia moi ben integrada no entorno. Magoa do avance sen xeito dos monocultivos e do ladrillo que sen dúbida deterioran significativamente o auténtico. Gusto moito da Mariña e sempre que podo non perdo a oportunidade de gozar desta marabillosa terra.