Ourense celebra o centenario de Nós reivindicando o legado de Cuevillas

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Iria Rodríguez

As fundacións Losada, Castelao, Otero e Risco recibiron o Otero Pedrayo

20 may 2023 . Actualizado a las 19:58 h.

Ourense escolleu unha xornada sinalada na historia de Galicia para lembrar, reivindicar e facer xustiza coa figura de Florentino López Cuevillas (Ourense, 1886-1958). No día en que os galegos celebraron o centenario da publicación do primeiro número da revista Nós, o Concello da cidade e as fundacións vencelladas aos persoeiros da xeración do mesmo nome -coa presenza de representantes das de Otero Pedrayo e Vicente Risco- celebraron un acto na Praza do Ferro para reivindicar o legado e a memoria «do que dotou de prehistoria a Galicia» e o que puxo en valor a súa arqueoloxía -en palabras de José María Eguileta, arqueólogo municipal e membro da Fundación Risco-. Na casa onde viviu Cuevillas foi descuberta unha placa que lembra ao membro da Xeración Nós logo das lembranzas que del fixeron Afonso Vázquez Monxardín e a neta do homenaxeado , Margarita Tovar Cuevillas. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a filla do arqueólogo e prehistoriador, Milagros López Cuevillas, foron os encargados da descuberta da placa.

O Concello agasallou aos presentes cun facsímile do primeiro número da revista Nós e o rexedor municipal anunciou que Ourense seguirá a desenvolver durante o 2021 actividades de homenaxe á Xeración Nós.

No serán fíxose entrega do Premio Otero Pedrayo no paraninfo do instituto que leva o seu nome. As deputacións de Galicia e a Xunta -os promotores da convocatoria- acordaron conceder a distinción ás fundacións que manteñen viva a memoria e o legado dos persoeiros de Nós: Losada Diéguez, Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo.

Na convocatoria exerceu como mantedor Luís González Tosar, quen non só lembrou a figura dos que o 30 de outubro de 1920 sacaron á rúa o primeiro número da revista Nós senón que fixo un percorrido polos antecedentes do movemento -coa publicación de La Centuria ou a presenza de Losada e Risco nas Irmandades da Fala- e a continuidade que tivo o proxecto en América da man dos intelectuais galegos exiliados. Tamén leu parte do artigo Dos nosos tempos, colaboración de Florentino López Cuevillas no número que encetou os quince anos de Nós. Durante a semana a Deputación de Ourense presentou tres publicacións vencelladas coa xeración homenaxeada e onte o PSOE desenvolveu un encontro dixital arredor dos represaliados de Nós, a literatura e a política na revista.

Os 144 números de «Nós» esténdense ao século XXI convertidos en libro electrónico e en portal web

 

M. García

«Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos, sai oxe Nós...» Pasar as páxinas dese primeiro exemplar da revista que vía a luz o 30 de outubro de 1920 é posible na actualidade desde o ordenador, móbil ou tablet. Os 144 números da publicación xa foron dixitalizados e convertidos en libro electrónico. Nestes momentos, pódese acceder e descargar os cen primeiros exemplares e no que resta de ano está previsto que se complete a totalidade a través do portal Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia. Esta iniciativa posta en marcha pola Xunta para profundar na difusión nacional e internacional do legado da xeración Nós estará acompañada tamén por un portal web, que iniciará a súa actividade a finais de novembro. A elas hai que engadirlle a mostra que na actualidade se pode ver no Gaiás, Galicia, de Nós a nós.

A transformación en ePub da revista Nós «permite unha navegación diferente á dixitalización plana. Hai hiperenlaces para ir aos contidos, ademais de que é unha forma diferente de presentala. A revista editábase normalmente a dúas columnas e o formato ePub implicou cambios, entón é unha visualización distinta, nova e actual», explicou Noelia Bascuas, xefa de servizo da Biblioteca de Galicia. Deste xeito, a publicación súmase a unha trintena de títulos clásicos da literatura galega xa dispoñibles en formato de libro electrónico, no que figuran obras de autores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal, entre outros.

Máis de 3.900 páxinas

Ademais deste formato ePub, a través do portal Galiciana é posible consultar a publicación impulsada por Castelao, Risco e Losada Diéguez, entre outros, en formato dixital. Tamén se inclúe o último número, do que só se conservan dous exemplares, un deles depositado na Biblioteca da Deputación de Ourense e outro en mans dun particular. En total, son algo más de 3.900 páxinas.

Pola súa banda, a nova páxina web centrada na revista e na xeración Nós, revistanos.gal, permitirá explorar o corpo dos textos da publicación, ademais de establecer relacións entre os colaboradores. Así, poderán verse a través dun grafo de coñecemento os datos das persoas, lugares, institucións e acontecementos históricos que rodearon á revista Nós durante os seus quince de vida.

Con estas dúas iniciativas, «celebramos a revista Nós, pero celebrámola en clave do século XXI, é dicir, asegurando a preservación en formatos dixitais de todo tipo de material, facilitando que os diferentes públicos interesados poidan acceder a eles e, principalmente, agrupando e difundindo toda esta información a través de estratexias dixitais. É un xeito de prolongar a revista Nós e a xeración durante máis tempo», destacou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que encabezou a presentación destas dúas iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia co gallo do centenario da revista Nós. A súa posta en marcha foi da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). A súa directora, Mar Pereira, subliñou que as ferramentas dixitais permiten poñer en valor o patrimonio cultural.