Unha resposta poética á pandemia

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Daniel Asorey e Lupe Gómez, gañadores «ex aequo» do González Garcés
Daniel Asorey e Lupe Gómez, gañadores «ex aequo» do González Garcés ana garcía / paco rodríguez

Lupe Gómez e Daniel Asorey gañan «ex aequo» o González Garcés con obras escritas durante o confinamento

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A sociedade está a prepararse para facer fronte á segunda vaga da pandemia do coronavirus, pero o confinamento á que obrigou a primeira xa deixa sentir a súa pegada no mundo da creación, como por exemplo na poesía. Este mércores Lupe Gómez e Daniel Asorey gañaron ex aequo o premio Miguel González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, con senllos poemarios escritos durante eses días de illamento e incertezas e que abordan, de xeito máis directo ou indirecto, a convivencia co andazo. O galardón está dotado con 6.500 euros e contempla a publicación das obras.

Do libro de Lupe Gómez (Curtis, 1972), o xurado destacou a súa condición de «libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante». Silabario da peste alude xa dende o título a eses días duros do confinamento. «Foi un libro difícil de escribir, pero necesitaba botar fóra os sentimentos, expresar a rabia de estar pechada», confirma a autora, quen, de formación periodística, almorzaba polas mañás con novas sobre a pandemia que lle resultaban «agresivas e dolorosas». Para contrarrestar ese impacto, Gómez empezou a escribir cartas aos seus amigos, nun intento de virar os sentimentos cara a algo máis positivo. «Escribín todas as tardes e acabei por ter unhas cincuenta cartas», lembra. «Pero non podía botalas. Amoreábanse na casa e a min facíame ilusión velas, mesmo lles facía fotos. Cando puidemos empezar a saír outra vez, achegueime un día a Correos e boteinas todas xuntas: sentín unha gran liberación», engadiu.

Desas cartas agromaron os versos de Silabario da peste, concibidos para dar ánimos, para coidar das amizades. «É un libro de amigos, para manternos xuntos, sosternos os uns aos outros, apoiarnos», describe a autora. «Eu sempre escribín dende o eu, pero cada vez máis busco o nós, esa sensación de comunidade, de grupo, de onde obteño a forza como escritora». 

Aposta polo colectivo

Esa dimensión do colectivo tamén está presente en Contra natura, a proposta de Daniel Asorey (Santiago, 1970), da que o xurado fixo fincapé na «incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía». Asorey tamén escribiu á sombra da pandemia, «no máis duro do confinamento», unha situación que no seu caso remitía a circunstancias anteriores. «É un libro que fala do colectivo e que vai contra o discurso heteronormativo», explica o seu autor, quen quixo lembrar e render homenaxe ás persoas e colectivos que loitaron contra as discriminacións. «Hai outra pandemia da que xa non se fala, que semella case esquecida, que é a do VIH», cita. «Ata que non empezou a afectar a sectores, digamos, finos, da sociedade, e deixou só de ser cousa de certos grupos, non se empezou a falar diso», sostén. Por iso Asorey atopa na poesía unha vía de «compromiso» para loitar contra os estigmas e lembrar que é dende esa palabra, compromiso, onde se atopa o lugar para manterse no traballo a prol das causas. O escritor puido apreciar tamén esa valoración do común e do colectivo durante a pandemia, con xestos como os aplausos ao sector da saúde pública, «tan atacada nos últimos anos», mentres que Lupe Gómez fala de como neses días baixaba á horta traseira do seu piso en Santiago e falaba na distancia cos seus veciños. «No traballo de escribir sentímonos moi sós, e por iso hai tantos nomes neste libro», explica sobre Silabario da peste, que, ao seu xeito, forma parte dunha triloxía compostelá xunto cos libros de próxima aparición Caracois de Belvís e No encanto do aire, este último inspirado na catedral da cidade.