Polisemia migratoria: penurias e privilexios

Olga Castro TRADUTORA E INTÉRPRETE XURADA GALEGO-INGLÉS E DOUTORA POLA UNIVERSIDADE DE VIGO. NO 2010 INCORPOROUSE COMO DOCENTE Á UNIVERSIDADE DE WARWICK, NO REINO UNIDO, ONDE RESIDE. DENDE HAI TRES ANOS É CORRESPONDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA EN BIRMINGHAM.

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos os veráns da infancia aprendía algunha palabra nova en alemán. Alemán de Suíza, abofé, de onde viñan as curmás e curmáns pasar uns días á praia, no medio das vacacións de verán dedicadas a visitar a familia na montaña sarriá. A calor abafante combatíase camiñando pola sombra para ir alindar as vacas coa avoa, que vira como a penuria levara ás súas once fillas e fillos á emigración suíza. Librei da vida nómade dxs curmá(n)s por pouco: miña mai e meu pai volveron da emigración meses antes de eu nacer. A factoría alumineira Inespal (hoxe da multinacional Alcoa) fixo que viñéramos parar á Mariña. E A Mariña —e ser de clase obreira— fixo que aprendese palabras no galego de aquí.

Penurias eu non pasei ningunha. Tampouco miñas curmá(n)s. A emigración tróuxome banquetes gorentosos, agasallos frecuentes, artefactos Made in Switzerland nunca antes vistos na Mariña dos que presumía, viaxes en coches moi grandes durante días para ir descubrir cachiños do país das vacas lilas, quedar abraiada co racismo do pobo galego contra o turco na Suíza, e acabar enfeitizada por unha cultura tan distinta. E aínda así, malia todas estas farturas, para min a emigración estaba sempre vinculada á penuria.

A cultura do esforzo ben aprendida da familia, xunto á crenza cega no mantra aquel de que estudar moito era a fórmula para un bo traballo, conducíronme a un título de doutoramento na universidade pública galega, hai xa unha década, co apoio estratéxico á investigación dun fugaz goberno galego. E logo, nada. Unha estafa para a filla de obreiro e ama de casa, cando as cousas volveron ao rego e os de sempre volveron mandar e desgobernar. Un calote para a filla daquelxs emigrantes retornadxs que volveran a Galiza para darlle un futuro mellor aquí, e a quen agora só lle quedaba reinventarse profesionalmente ou emigrar. Un shock para quen nunca pasara fame e aínda así tiña que marchar.

Os dez anos na Little England están cheos de grandes satisfaccións profesionais e crecementos persoais, só esmendrellados pola xenofobia institucionalizada do último lustro. Aínda que non sen desgaste, vivir entre dous mundos e moitas culturas amplía a perspectiva e enriquece a vida. Exercer o traballo que sempre se ansiou é outro privilexio. Mais emigrar non foi, en realidade, unha elección; algo hai que non encaixa para que o agrado sexa pleno.

Será que, no fondo, non emigrei para escapar das miñas penurias. Pero si das penurias coas que os de sempre asoballan o meu país.