Nós tamén contar!

Malores Villanueva
Malores Villanueva LITERATURA FEMININA CONTEMPORÁNEA

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A literatura galega ten de mascarón de proa unha muller, Rosalía de Castro, algo insólito nos sistemas literarios da nosa contorna. Se ben iso non supuxo ningún cambio no que respecta á proxección das escritoras en Galicia e houbo que agardar a finais do século XX para ter un número de autoras significativo cunha traxectoria consolidada e cunha aposta literaria consciente e solvente. Certo é que con anterioridade houbo figuras da relevancia de Xohana Torres ou María Xosé Queizán, elas destacaron en diferentes xéneros e foron guieiros para as novas xeracións que se abrían paso nun ámbito totalmente masculinizado. Co tempo outras autoras publicaban as súas obras: O asasino de calindornas, de Susana Anto?n (1981), No fi?o do tempo de Xosefa Goldar (1987) ou Diario do mimo, de Carmen Panero (1989).

Debemos facer un inciso dentro deste relato, pois na Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) as mulleres ocuparon con anterioridade un espazo destacado e nos anos oitenta foron moi prolíficas: Concha Blanco, María Victoria Moreno ou Helena Villar Janeiro. Este xénero pensado para fornecer de lecturas e soños os máis pequenos foi máis permeable á escrita feminina, quizais porque tradicionalmente se asociou o coidado da infancia coa muller. Tamén cómpre destacar o feito de seren mestras e de estar en contacto co público para o que creaban esas historias e, incluso, a necesidade das editoriais de libros para esas franxas de idade unha vez que se incorporara o galego ao ensino.

En 1986 creouse o Premio Merlín que gañou Úrsula Heinze con A casa abandonada. Mentres isto acontecía na LIX, no Premio Xerais de novela houbo que agardar dezaoito anos para que recaese nunha muller. Marilar Aleixandre con Teoría do caos (2001) foi a primeira autora premiada, á que seguirían Inma López Silva, Teresa Moure, Rexina Vega, Rosa Aneiros, Iolanda Zúñiga, María Reimóndez e Emma Pedreira. Poucas son en trinta e cinco anos, aínda se contamos a María Lorenzo que o compartiu con seu pai. Se repasásemos o Premio Blanco Amor ou o García Barros observariamos as mesmas desigualdades.

A comezos do século pasado unha voz entraba con forza na narrativa galega, Begoña Caamaño publicaba Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). A xornalista foi quen, en só tres anos, de construír unha linguaxe propia máis alá das tendencias. A súa escrita antipatriarcal e feminista centrouse en reescribir os mitos clásicos e contalos dende unha perspectiva contemporánea e de muller. Ela é un exemplo de como as escritoras galegas do século XXI son moi conscientes dende onde escriben e de que non todo está conseguido, pois seguen a ser minoría nos andeis.

As redes sociais, os clubs de lectura e a proxeccións dos premios literarios axudan na visibilidade das producións de autoría feminina. Hai autoras, como Berta Dávila, que gañaron dende moi novas certames que posibilitaron a publicación das súas obras e, ao tempo, conseguiu unha repercusión na escasa prensa que se dedica á cultura. Despois de varios recoñecementos literarios chegou o Premio de Narrativa Breve Repsol coa novela O derradeiro libro de Emma Olsen (2013), que continuou a colleitar éxitos da crítica e do público unha vez que se deu ao prelo. Recentemente gañou a última edición do mesmo certame con Illa decepción, ao tempo que a súa novela Carrusel se facía co Premio da Crítica que outorga anualmente a Asociación Española de Críticos Literarios.

Non só a narrativa conta con voces femininas relevantes, a poesía galega sempre foi un xénero privilexiado nas nosas letras e goza de gran prestixio fóra de Galicia. Chus Pato soa xunto a grandes figuras das letras universais na Woodberry Poetry Room de Harvard. Yolanda Castaño organiza no país encontros tan salientables como Poetas Di(n)versos e viaxa por todo o mundo levando a poesía galega como bandeira. Luísa Villalta, Xela Arias, Eva Veiga, Dores Tembrás, Oriana Méndez, Miriam Ferradáns... son autoras de obra excepcional. Este éxito da poesía vén de ser recoñecido por segundo ano consecutivo co Premio Nacional, que o pasado ano recaeu en Pilar Pallarés, por Tempo fósil, e este en Olga Novo por Feliz Idade. E hai tan só unha semana Alba Cid gañaba o Premio de Poesía Joven Miguel Hernández.

Dende finais do século XX o esforzo e o compromiso das autoras foi revertendo a súa escasa presenza no ámbito literario. Con todo, as cifras dinnos que en Galicia a escrita feminina está lonxe de supor o 50 % da produción. Queda moito por contar e porque nos teñan en conta, pero a palabra é nosa e cada vez soa máis forte.