A Galicia de fóra

Uxía Carrera, Andrea Álvarez, Sara Pérez

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Adrián Solovio é un rapaz de Trasalba, unha pequena aldea de Ourense. As súas obrigas e os seus intereses lévano a mudarse a Madrid. Lonxe da súa nai e da súa avoa. Alí profunda na súa admiración polos intelectuais europeos e viaxa ata París. Durante a súa estancia, afastado da súa terra, Adrián carteouse coa súa nai. Foi neses papeis onde se decatou de que todo o que ansiaba coñecer fóra, xa o tiña en Galicia. A súa vida dende ese momento estará dedicada e identificada coa de Galicia. Adrián Solovio é o personaxe creado por Otero Pedrayo en Arredor de si. A súa experiencia é a de todos os membros da Xeración Nós.

As viaxes foron unha parte esencial para descubrir a súa identidade, nun momento —en 1920— no que viaxar era impensable para a maioría dos galegos, salvo para emigrar. Motivados polas inquedanzas características da Xeración Nós, tiveron que saír do territorio español ao non encontraren nada similar á cultura galega pola súa especificidade rural. Castelao e Risco emprenderon largas viaxes por Europa que foron retransmitindo en diarios na revista Nós e que logo protagonizaron as publicacións Mittleuropa e Do meu Diario. Foi no París e no Berlín rural onde atoparon as raíces da identidade galega.

Pero tamén quixeron achegarse ao seu territorio máis próximo. Por Galicia, viaxaron Otero Pedrayo, Vicente Risco e Ben Cho Sey nunha ruta dende Ourense ata San Andrés de Teixido que plasmaron en Pelerinaxes, obra de Otero. Coñeceron unha terra que logo quixeron mostrar á comunidade galega.

Non se entende Galicia sen todos os galegos que se atopan fóra das súas fronteiras. A emigración ocupa unha parte maiúscula da nosa cultura. Por necesidade ou por inquedanza, como a que mostraron os pensadores de Nós, milleiros de galegos camiñaron, camiñan e camiñarán por territorios estranxeiros e descoñecidos. Quizais o sentir galego non se poida comprender se non se pasa un tempo lonxe da terra.