O novo cinema galego

Beli Martínez
Beli Martínez O CINEMA GALEGO

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dez anos anunciábase o nacemento dunha nova xeración de cineastas que agrupadas baixo a etiqueta Novo Cinema Galego traía aires de vangarda e renovación a un cinema que, tradicionalmente, reproducía na súa maior parte un discurso hexemónico cheo de clichés e estereotipado, que se adicaba a copiar fórmulas e narrativas alleas. Froito do seu momento histórico, marcadas pola democratización e dixitalización dos medios de produción fixeron posible colocar a Galicia no mapa das vangardas cinematográficas.

Sen dúbida a aparición desta vaga de creadores non só abre un camiño para aquelas creadoras da imaxe se non que serve, a día de hoxe, como exemplo a seguir noutras manifestacións artísticas e culturais. Un exemplo no que o impulso colectivo fai que avancemos na boa dirección. Nun país no que impera o minifundismo demostrouse que a colectividade é posible e que o esforzo do grupo fai que os logros sexan maiores.

Normalmente, cando se analiza este movemento vincúlanse con outros xurdidos en centros de produción deslocalizados das gran industria cinematográfica. En Galicia tense conectado cos primeiros pasos do cinema feito no país e os creadores da denominada videocreación galega dos 80 pero podemos establecer enormes paralelismos coa Xeración Nós:

Ambos os dous colectivos funcionaban coma grupo e con consciencia de pertenza. Ambos os dous xeraron sendos discursos de modernidade nun país con certo atraso e certo complexo de inferioridade.

Discursos que, tal e como afirmou Martin Pawley, facía que Galicia chegara a tempo e establecendo un diálogo directo coas correntes estéticas innovadoras mundiais. A combinación da mirada local co discurso global, o respecto pola nosa cultura e lingua, así como o interese pola innovación, a indagación e o cuestionamento das fórmulas narrativas farán de ambos movementos dúas correntes non só de renovación radical da nosa cultura se non os mellores faros polos que guiarse. Se daquela o poder da literatura era incuestionable. Agora, no século XXI, a imaxe impera na nosa cultura e fai do cinema o mellor dos medios para darnos a coñecer alén das nosas fronteiras.