Falármonos de ciencia: razóns para o optimismo

Manuel Rey
Manuel Rey DIVULGACIÓN CIENTÍFICA EN GALEGO

CULTURA

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen propoña que a historia é cíclica, e que os mesmos problemas que afronta a Humanidade desde a súa aparición na Terra regresan unha e outra vez con diferentes nomes e formas, está a gañar razón neste 2020. E mesmo se pode atopar á primeira revista Nós como exemplo. O mundo, daquela, estaba a vivir a sacudida dun gran cambio que xa estaba en marcha: a Primeira Guerra Mundial, a Revolución Rusa e unha pandemia que, coma hoxe, mudou en boa medida a sociedade.

«Ten pouco d’agradabre nacer n-unha d’estas épocas en que o mundo cambea de pruma ou de dentes», escribía Florentino López Cuevillas no artigo Dos Nosos Tempos, no primeiro número de Nós (outubro de 1920), un dos textos que sentou os cimentos do ideario daquela Xeración. Cuevillas escribía, como apuntan hogano os cronistas, sobre unha perigosa aresta da natureza humana ante as crises: «Eu teño comparado a Gran Guerra co’iste bacilo da gripe, pois coma il escitou, fixo medrar e dou virulencia ás pasiós ruís que dormexaban nos homes e mais nas sociedades».

Así, López Cuevillas, graduado en Farmacia que nunca exerceu, pero historiador de vocación, soubo ver que estes momentos nos que o mundo cambia os seus dentes e as súas plumas, como o fan os cativos e as aves, son tamén unha gran oportunidade para apostar polo coñecemento como bandeira das sociedades. El mesmo foi un dos grandes divulgadores científicos desta xeración: O seu artigo A mansión Aquis Querquennis (Nós nº9, xaneiro de 1922), é o resultado dunha prospección arqueolóxica que el mesmo realizou no campamento romano á beira do río Limia, e sentou as bases das posteriores escavacións no lugar.