A Deputación de Ourense actualiza o libro «La ilustración en la revista Nós»
CULTURA
A exprofesora da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero asinou no seu día un dos traballos de referencia sobre o legado da revista
29 oct 2020 . Actualizado a las 15:17 h.A exprofesora da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero asinou no seu día un dos traballos de referencia sobre o legado da revista Nós e a xeración do mesmo nome. Era 1983 cando a Deputación de Ourense —daquela con Victorino Núñez como presidente— publicaba La ilustración en la revista Nós, unha edición citada e esgotada que tivo unha reedición no ano 2011.
A poucos días de cumprirse o centenario da saída á rúa do primeiro número da revista Nós —o 30 de outubro de 1920 chegaba aos galegos a publicación—, a Deputación ourensá presentou unha nova edición actualizada do traballo da catedrática.
Victoria Carballo-Calero incidiu no feito de que esta nova entrega revisada e actualizada «ve a luz neste momento, que conmemora o centenario da revista Nós e de toda esa xeración, que alumeou a modernidade da nosa cultura». Nas 186 páxinas faise un percorrido pola vertente artística do proxecto da revista nas súas diferentes modalidades para mostrar en debuxo, linóleos, gravados e outras formas de expresión da arte «o que foi unha etapa fundamental para a cultura galega», segundo a autora. Lembrou que a ilustración e Nós «vai unida ao nome de Castelao, quen se encargou do aspecto tipográfico da revista, das súas portadas, viñetas e colofóns; e xunto con el colaboraron unha vintena de gravadores, debuxantes e artistas, destacando Manuel Colmeiro. Uns traballos que amosan a vangarda artística do momento». O presidente da Deputación, José Manuel Baltar, salientou o feito de que a nova entrega de La ilustración en la revista Nós chega no momento en que se conmemora o centenario dunha xeración «que alumeou a nosa cultura».