A Xunta entra na Fundación Sargadelos para reactivar o seu legado

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A mostra no Gaiás incluirá obras de arte e obxectos persoais de Díaz Pardo
A mostra no Gaiás incluirá obras de arte e obxectos persoais de Díaz Pardo Xosé Castro

A Cidade da Cultura dedicará en novembro unha exposición a Díaz Pardo

26 oct 2020 . Actualizado a las 19:00 h.

A Xunta comunicou este luns a súa incorporación ao padroado da Fundación Sargadelos tras o acordo acadado coa firma. O obxectivo desta implicación do goberno autonómico é traballar na reactivación do legado cultural da marca, un referente para Galicia. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que participou no encontro, cualificou a decisión como «unha oportunidade fantástica para poñer en valor, para impulsar e promocionar a innegable transcendencia e importancia que ten Sargadelos no seu conxunto na cultura galega». Ademais do conselleiro, a Xunta está representada na entidade polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

A colaboración coincide tamén coa conmemoración do centenario de Isaac Díaz Pardo, a quen se lle dedica unha exposición que abrirá na Cidade da Cultura o vindeiro día 6 de novembro. As miradas de Isaac ten por comisarios a dous dos seus fillos, Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, e estará composta por obras de arte, obxectos persoais, fotografías, textos, murais, documentos e proxeccións. Poderá visitarse ata o 4 de abril do 2021. Trátase da primeira grande mostra dedicada a Díaz Pardo despois do seu pasamento, no 2012, e ten como obxectivo facer un achegamento a un dos intelectuais máis decisivos na defensa da cultura galega no pasado século. 

O conxunto de Cervo

Ademais, o conxunto da fábrica de Sargadelos en Cervo, recoñecido como ben de interese cultural dende o 2014, será obxecto dun plan de reactivación, como primeiro paso dun amplo proxecto autonómico. Conta con diversas iniciativas que implican á Xunta e que teñen por obxectivo poñer en valor e difundir o legado cultural de máximo nivel de Díaz Pardo e Luís Seoane, sen esquecer a súa pegada nas instalacións do Castro, en Sada, e mais en Santiago. Román Rodríguez lembrou a inauguración o ano pasado da primeira fase do Museo de Sargadelos, un proxecto expositivo no concello lucense que recolle a historia da fábrica de cerámica e que ten previsto recuperar tamén a casa na que viviu Díaz Pardo.

A primeira fase do proxecto museo gráfico componse de sete salas expositivas nas que amosar parte do patrimonio de Sargadelos, e que se completa con pezas de olería tradicional, obras de Seoane e de Díaz Pardo, xoiería, vidro e colaboracións de artistas e escritores, como Silverio Rivas e Camilo José Cela. Tamén se recuperou o auditorio, onde se desenvolverán experiencias culturais e proxeccións, así como a antiga sala de reunións, agora cun cometido expositivo, e a antigua Biblioteca do Seminario.