La Voz ofrece o libro «Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal»

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC
Ricardo Carvalho Calero na toma de posesión, en 1972, da Cátedra de Lingua e Literatura Galega da USC CEDIDA

Pilar García Negro asina a biografía, que se pode conseguir o día 31 co xornal

25 oct 2020 . Actualizado a las 22:52 h.

Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal. Catro palabras abondan para sintetizar os trazos máis destacados do autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, catro palabras que figuran no título da biografía sobre Carvalho Calero que o vindeiro sábado 31 La Voz de Galicia ofrecerá aos seus lectores. O libro, da autoría de María Pilar García Negro, pode conseguirse polo prezo de 1,95 euros mais o cupón que figura no xornal. A obra publícase na colección Biblioteca Gallega, dentro do espazo que tradicionalmente se lle reserva á celebración senlleira da lingua e a literatura de Galicia.

A achega biográfica que propón García Negro recolle os principais chanzos vitais dunha persoa que naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en Santiago en 1990, polo que se viu influído por algúns dos fitos históricos que condicionaron o século XX. Pero ademais, as páxinas do libro compoñen un cumprido retrato dun escritor que, por curiosidade intelectual e compromiso social, cultivou múltiples facetas que non fan máis que engadir capas de interese e profundidade á lectura do que foi a súa vida. Escritor de ficción que se manexou nos rexistros da poesía, o teatro e a narrativa; investigador e divulgador da lingua e da literatura, e activista que asumiu a tarefa de traballar por Galicia, a súa cultura e a democracia, son os piares sobre os que se alicerzou a actividade de Carvalho Calero. 

Complexo mosaico

Na súa biografía, García Negro equipara a figura do intelectual coa dun mosaico que dá como resultado un retrato complexo por variado e rico. Algunhas das pezas máis significativas, a xuízo da especialista: «Rosalía de Castro; Otero Pedraio; poesía; docencia; universidade; revista Nós; Academia; historia da literatura. Velaquí pezas dispersas que habemos de completar con outras moitas, a fin de configurar unha biobibliografía que informe de seis décadas de traballo incesante en prol da elevación da lingua galega e da construción dun edificio chamado literatura galega, cultura galega», escribe nas primeiras páxinas do libro co que La Voz se suma á celebración do Día das Letras.

A través das súas páxinas, non só se coñece a vida de Carvalho, senón a do país nos decenios principais do século pasado. Velaí están a infancia e o impacto da morte dun irmán pequeno e logo da nai nun neno que é un lector precoz e que se envolve nunha gravidade e melancolía que o haberán de acompañar de por vida. Chegan despois as descubertas intelectuais da etapa universitaria, o Seminario de Estudos Galegos, a campaña a prol do Estatuto de Galicia e tantas ilusións posibles que quedan tronzadas pola guerra e un exilio interior logo do paso polo cárcere. Carvalho sigue escribindo en galego, malia saber que non é posible publicar nesta lingua, pero pouco a pouco reconstrúe a súa carreira docente, fértil no seu maxisterio, mais a dedicación literaria. Actividades que non esmorecen coa vellez, senón que son obxecto dun entusiasmo renovado na fin do franquismo, cando Carvalho mantén o seu compromiso, especialmente de divulgación, coa lingua galega e a súa literatura.

Conversa en directo na edición dixital do xornal coa autora da biografía

Os lectores de La Voz de Galicia terán ocasión este luns de coñecer en directo un adianto do traballo biográfico de María Pilar García Negro. A autora de Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal, participará nun encontro dixital que se poderá seguir a partir das 18.00 horas na web do xornal. García Negro, profesora da Universidade da Coruña e especialista na traxectoria de Carvalho Calero, conversará coa xefa de Suplementos do diario, Sandra Faginas Souto. Na entrevista debullaranse algunhas das claves da dilatada e vizosa carreira de quen é homenaxeado co Día das Letras, tanto como escritor de creación como estudoso e investigador, así como un incansable activista e divulgador da lingua galega, a súa literatura e a construción cultural do país en xeral.

Unha cumprida achega á obra e á vida do escritor que inclúe dous dos seus artigos

A biografía Ricardo Carvalho Calero. Escritor e profesor, galego cabal, suma sete capítulos mais un limiar e unhas conclusións, pero tamén engade unha cronoloxía vital para ter acceso rápido e fácil aos principais fitos da existencia do autor, xunto cunha biobibliografía pensada para quen queira ampliar os seus coñecementos sobre a súa figura e traxectoria literaria e investigadora.

Pero a proposta de María Pilar García Negro non se esgota nestes apartados, senón que reproduce ademais dous dos moitos artigos que Carvalho Calero publicou nas páxinas de La Voz de Galicia. Trátase de Á marxe de Teofrasto, publicado en 1980, e O galego, obxección de conciéncia, aparecido orixinariamente en 1983. Son dúas pezas altamente significativas, xa que na primeira o escritor reflexiona sobre como os cambios sociais acaban por influír no sistema educativo e as eivas que as novas xeracións atopan nos seus procesos de formación malia os avances tecnolóxicos, mentres que na segunda sinala o contrasentido que supón que o galego acadase o estatus de lingua oficial pero iso non levase aparelladas as medidas necesarias para o seu coñecemento e uso real. Xa que logo, dúas das inquietudes que acompañaron a Carvalho Calero durante toda a súa vida: a pedagoxía e o ensino e as relacións das linguas coas sociedades.

No seu traballo, García Negro fornécese da fonte primaria que foron os testemuños de Carvalho Calero e os seus libros, o que considera unha «biografía explícita». «Mais hai unha outra, implícita, que cabe inferir da cantidade e da calidade dunha obra excepcional, sen parangón nos seus coetáneos, que iluminou, con achegas decisivas, a arte literaria con que se inaugurou a modernidade galega; como hai outra: a que espella a súa obra literaria, en todos os xéneros, contribución directa, pois, á arte estudada, nun diálogo que aúna obra de creación e crítica da obra dos seus colegas», escribe a biógrafa, que compón ese retrato complexo a través de fontes variadas.

A Academia celebra o seu pleno extraordinario no Jofre de Ferrol

A pandemia obrigou a adiar a tradicional conmemoración coa que a Real Academia Galega honra cada 17 de maio á personalidade elixida para o Día das Letras. A sesión xa ten nova data: será o vindeiro día 31, cadrando coa celebración do 110 aniversario do nacemento de Carvalho Calero. E o lugar tamén será a súa cidade natal: o Teatro Jofre, onde o neno Ricardo asistía ao teatro e o cinema, a partir das 12.30 horas, acollerá as intervencións de Margarita Ledo Andión, Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei. O acto poderá seguirse en directo a través da web da institución.

O pasado mes de febreiro xa se abrira o calendario de actos dedicados a Carvalho Calero no seu Ferrol natal, da man da comunidade educativa do CEIP Cruceiro de Canido. Alí presentouse o proxecto Primavera das Letras, concibido para fornecer a través de Internet a familias e centros escolares de contidos lúdicos e didácticos arredor da vida e a da obra do escritor homenaxeado. Unha actividade telemática que, por mor do confinamento, acadou unha relevancia especial como substituto das actividades presenciais. O Portal das Palabras e Unha palabra para don Ricardo son outras iniciativas relacionadas, así como o simposio que a RAG lle dedica á súa figura e que rematará o vindeiro xoves coa derradeira sesión.