Unha luz serena para alumear os días escuros da pandemia

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O compositor Juan Durán
O compositor Juan Durán EDUARDO PÉREZ

Juan Durán compón ·Dona nobis pacem» para as vítimas do coronavirus

22 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Dona nobis pacem foi escrito durante os días máis duros da pandemia, aló polo mes de abril, e tiven claro dende un principio que quería compoñer unha obra de carácter elexíaco desde unha óptica serena, na procura do consolo e da paz, e fuxindo en todo momento do drama e do tremendismo». Estas foron as liñas mestras que se marcou Juan Durán (Vigo, 1960) á hora de empregar a linguaxe musical para crear un «canto lírico e evocador dirixido a todos aqueles que perderon a un ser querido, como tamén, á vez, un canto para acompañar o tránsito cara ao máis aló».

Dona nobis pacem estréase este venres na Coruña (Coliseum, 20.30 horas) pola Orquestra Sinfónica de Galicia -a peza foi un encargo da formación ao compositor- nun programa dirixido por Dima Slobodeniouk que se completa coa Sinfonía n.º 4 en mi menor de Brahms. Para interpretar a obra de Durán, a orquestra reducirase a un conxunto de cordas e arpa, xa que o compositor cría que era o vehículo máis axeitado para o que buscaba, tendo en mente o Adagietto da Quinta sinfonía de Mahler, «aínda que esta obra non garde ningunha relación con esta elexía», explica.

A súa composición, xa que logo, incardínase nesa vizosa tradición de música que honra os idos, do Dies Irae medieval e os tombeaus barrocos aos réquiems que cita o autor galego: Mozart, Verdi, Fauré ou Duruflé. «Existen unhas claves, unhas recorrencias sonoras que están perfectamente delimitadas na paleta do compositor e que o público identifica de inmediato as través da harmonía, das texturas e, por suposto, dun movemento xeralmente lento, solemne e introspectivo», describe.

No caso de Dona nobis pacem, ese recurso sonoro concrétase no uso por parte do autor das tonalidades de mi maior e menor e o tránsito entre ambas. «A polaridade maior-menor en música segue a funcionar como unha das máis básicas recorrencias compositivas que ten o poder de provocar no oínte as emocións máis primarias: luz, alegría ou felicidade para o modo maior, fronte á escuridade, medo ou tristeza para o menor», detalla Durán. «Estou convencido de que esta resposta emocional é algo atávico no ser humano occidental, algo xa incorporado ao noso ADN», engade. «A partir de aí, a tarefa do compositor será a de evitar esa resposta emocional tan directa, ata chegar ao estado de inverter esa polaridade, cousa que ocorre en Dona nobis pacem, onde a fronteira entre o maior-menor é absolutamente difusa para o oínte. Algo que xa practicaban os compositores do pasado: conseguir que o maior soe a menor e viceversa».

O título da peza revela tamén unha compoñente relixiosa na intención do compositor, quen a concibiu como «un rezo íntimo e persoal» e, por este motivo, pide ao público o «recollemento» dun minuto de silencio en vez de aplausos. Dona nobis pacem tamén ofrece outra lectura, a do aceno táctil de estreitar a man a coñecidos e estraños. «É unha oportunidade para a paz e para un abrazo que todos desexamos. A grandeza da música é a desa linguaxe de sons non significantes, pero si colectivamente interpretables», di Durán. «A partir de aí, que cada un estableza a súa particular comuñón coa obra».