A obra literaria de Carvalho Calero, un «retrato interior» da persoa

A. S. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Carvalho Calero, á dereita, con Cunqueiro e Del Riego
Carvalho Calero, á dereita, con Cunqueiro e Del Riego

A terceira sesión do simposio da Academia Galega analizou a poesía, o teatro e a novela do escritor homenaxeado co Día das Letras Galegas

23 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ricardo Cavalho Calero refugaba do autorretrato literario como exercicio de complacencia. Porén, na súa obra hai pegadas que permiten intuír o home detrás do escritor. Estas foron algunhas das claves que abordou a terceira e penúltima sesión do simposio que a Real Academia Galega lle dedica ao autor homenaxeado neste 2020 co Día das Letras. Lonxe da anécdota biográfica, o que latexa nos textos de Carvalho é unha visión máis profunda da existencia, espello de como el entendía a vida, a creación e a arte. Debullar eses trazos na poesía, teatro e novela foi o cometido de Pilar Pallarés, Laura Tato Fontaíña e Henrique Rabuñal nunha mesa moderada por Margarita Ledo.

 Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía 2019 e autora de dúas antoloxías poéticas de Carvalho, sinalou a aparente discordancia entre a concepción da poesía como catarse do escritor e unha escrita «reflexiva, intelectualizada, emocionalmente contida e até por veces distante». Os materias procedentes das vivencias do autor hai que atopalas pasadas polo filtro de diversas estratexias de ficcionalización, como as máscaras do suxeito lírico, o discurso irónico e o mito. «“O do cativo serio e precoz; o do mozo universitario, poeta e militante idealista dunha ‘grande Galiza utópica'; o do oficial defensor da República; o do que ‘non morreu' e sobrevive baixo a ollada desapiadada da Medusa; o marxinado polo que antes foron compañeiros; o vello ante a doenza e a morte. Todos eses retratos están na súa obra poética, aínda que case nunca dunha maneira evidente, pois Carvalho rexeita o particular e subxectivo e toma o real como apoiatura para unha indagación que quere ser arquetípica e o eu como manifestación concreta do humano», enumerou Pallarés. A perda da nai sendo neno, a amargura do exilio interior na posguerra e o vivido nos últimos anos están presentes nos seus versos.

Pola súa banda, Laura Tato abordou a súa produción como dramaturgo, comprendida entre o encargo que o Partido Galeguista lle fixo ás Mocidades Galeguistas en 1934 dun relatorio sobre o teatro galego e 1980, coa súa derradeira e mellor peza, a xuízo da especialista, Os xefes. «Carvalho, como case todos os grandes escritores das xeracións de preguerra, entendía que a construción dun teatro nacional era un labor común ao que había que contribuír, aínda que fose para o futuro», explicou Tato. A súa primeira obra, O fillo, segue estes principios, pero estaba entregada para a súa publicación coa Editorial Nós cando os fascistas queimaron os seus fondos. Da posguerra datan Farsa das zocas, A sombra de Orfeo e A arbre, e de 1980 Os xefes. «El definiuna como unha comedia política, aínda que quizais fose máis acertado cualificala de drama. Responde ao concepto, absolutamente clásico, que tiña Carvalho sobre como debía ser construída unha comedia ben feita, concepto en que eran fundamentais a orde, o equilibrio e a proporción», detallou a relatora.

Personaxes femininos

O escritor e biógrafo de Carvalho Henrique Rabuñal abordou a súa produción narrativa, dende O lar de Clara ata Scórpio. Esta última obra mereceu unha atención especial no simposio. «A riqueza e pluralidade das voces narradoras, a axilidade do relato, a contradición entre as luces e as sombras que acompañan o protagonista mudo, a honestidade con que viaxamos ao pasado e a presenza de figuras femininas son elementos moi determinantes», subliñou Rabuñal, quen falou polo miúdo das mulleres da novela. Outros libros, como A xente da Barreira e Os amores seródios, tamén foron analizados na sesión.