Milladoiro celebra os 40 anos do seu primeiro disco, un «fito e un revulsivo»

Empezará o día 24 en Mos unha xira de once concertos por Galicia

Milladoiro presentou este luns a xira por Galicia, que pretende sexa só un punto de inicio
Milladoiro presentou este luns a xira por Galicia, que pretende sexa só un punto de inicio

Santiago / La Voz

A Galicia de Maeloc. Trece temas compoñen ese traballo no que por primeira vez na música galega se empregaban de xeito conxunto a gaita galega, a ocarina, a arpa, frautas e a zanfona, entre outros instrumentos. Esa carta de presentación do grupo Milladoiro cumpre 40 anos e para conmemoralo a formación iniciará unha xira de once concertos por Galicia, que terá a súa primeira parada o día 24 deste mes en Mos e despois recalará en Santiago, O Pino, A Estrada, Ames, Tui, Monforte, Portas, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras e Sobrado dos Monxes.

Este debut discográfico de Milladoiro con A Galicia de Maeloc «foi un fito e un revulsivo na música galega», lembrou este luns Pepe Ferreirós, que xunto con Ramón García -Moncho Milladoiro- e Nando Casal, integra desde o inicio a formación. Os primeiros ensaios foron na casa dos pais de Pepe en Catoira. «Ata apuntalaron o piso por medo a que lle caese durante os ensaios», afirmou entre sorrisos Moncho. Daquela «non eran tempos fáciles para a música tradicional e os que apostabamos por ela tampouco tiñamos unhas perspectivas moi claras. Cando nos empezamos a reunir na casa dos meus pais en Catoira para facer os ensaios, pasabámolo moi ben. Nós estabamos seguros de que o que facíamos, para nós, valía, pero non tiñamos a seguridade de que iso fose a transcender. A sorpresa chegou cando nese concerto xa mítico nos Salesianos na Coruña se encheu de xente. Iso foi como un espaldarazo, era como se a xente estivera agardando por algo así e nos tocou realizalo a nós. Se aquel recital pasase sen pena nin gloria, posiblemente hoxe non estariamos aquí», relata Pepe Ferreirós.

Agora, corenta anos despois dese disco gravado nos estudos Audiofilm de Madrid e que se converteu no primeiro traballo galego editado no mercado francés, Milladoiro quería conmemoralo cunha xira. A previsión era contar con corenta concertos non só por Galicia, senón tamén alén das nosas fronteiras, pero a pandemia obrigou a cambiar, de momento, ese proxecto inicial. «Hai uns meses xa dabamos a xira por perdida, por imposible, pero só a tivemos que adiar», explicou Moncho García. Agora serán once concertos, para o que contan co apoio da Xunta de Galicia, a quen lle agradeceu o «atrevemento» de querer facer actuacións nestes momentos difíciles. «Gustaríanos que estas actuacións sexan o inicio dunha xira que chegue a eses corenta concertos. Non decaemos na idea de que poidamos ter presenza fóra, pero facer once concertos xa é un motivo de satisfacción», engadiu. Xa hai pechado algún concerto fóra, como en Murcia.

No mesmo sentido ca Moncho García, se pronunciou Nando Casal, ao considerar esta xira o principio «de algo mais grande». Fai o paralelismo co inicio do grupo: «Empezamos a tocar por aquí, pero pronto estivemos en lugares lonxe». Iso si, precisou que «sempre foi unha experiencia marabillosa» actuar nas vilas pequenas: «Estabamos en Tokio, Ottawa e Nova York e despois aquí, e o repertorio e a emoción que sentimos é a mesma».

Un papel fundamental para «divulgar a nosa cultura» por todo o mundo

«Milladoiro xogou un papel fundamental en todo o mundo para divulgar a nosa cultura», destacou o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, que xunto ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación desta xira do 40 aniversario de A Galicia de Maeloc. Ademais, engadiu que a banda nacida a finais da década dos 70 en Catoira «demostrou que a nosa música era equiparable a de outros sitios do mundo, nin mellor nin peor». Rodríguez lembrou, así mesmo, as conexións da formación coa iconografía xacobea e co Camiño. Precisamente, estes concertos que servirán para abrir a xira, terán lugar en vilas situadas en rutas xacobeas. Ademais, a promoción estenderase aos concertos de Milladoiro fóra de Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

Milladoiro celebra os 40 anos do seu primeiro disco, un «fito e un revulsivo»