Anisia


É moi interesante e rica a biografía de Anisia Miranda, filla de emigrantes galegos que naceu en Ciego de Ávila (Cuba) en 1932 e faleceu en Gres (Vila de Cruces) o 22 de outubro de 2009. Gres é un topónimo glorioso das nosas Letras, moi presente na obra literaria de Xosé Neira Vilas, que foi o seu marido desde 1957. Casaron en Bos Aires a onde chegara Anisia fuxindo da tiranía de Batista, e antes, Neira Vilas, para mellorar de vida e de horizonte intelectual. De Gres fala o noso escritor na súa conmovedora novela Memorias dun neno labrego (Bos Aires, 1961), un dos relatos en lingua galega máis reeditados, traducidos e amados por miles e miles de persoas, que descubriron nel a entraña da aldea e o idioma galego como lingua literaria.

Certamente, a inxente e sobresaliente obra en galego de Neira ten eclipsado a de Anisia, que xa en 1975 colaborou co seu home no volume Cantarolas e contos prá xente miúda. Un dos seus contos, A primeira aventura da ranciña, fai unha proposta cívica sobre a solidariedade; do outro, A frol amarela, despréndese que cómpre merecer, co noso traballo, o que comemos. Son contos escritos no fervor revolucionario da Cuba de Fidel, o clima no que Anisia redactou, con prosa coidada e didáctica, o manual Mitos y leyendas de la antigua Grecia (1966), e traducido por Neira, ao galego, anos despois. Neste manual a revolucionaria cubana chega a afirmar que «estes costumes deron un poder moi grande aos gobernantes facendo dicir aos deuses todo aquilo que conviña aos seus intereses particulares».

Este luns, Día Internacional das Escritoras, Anisia Miranda, nome esencial na literatura infantil en dúas linguas, será homenaxeada en Gres. Supoño que alguén lembrará a súa biografía sobre Ho Chi Minh, a quen coñeceu en Hanoi en 1975. E os versos de José Martí que traduciu ao galego moi nova. É un capítulo de honra na súa biografía intelectual o de compartir, en Bos Aires, co seu home, a dirección de Follas Novas como distribuidora do libro galego, daquela unha ferramenta tan eficaz que libros de tema galego ou en galego chegaron a lugares insólitos do mundo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Anisia