Carvalho Calero, o lector atento que revelou a grandeza de Rosalía

X. F. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

De esquerda a dereita, Vilavedra, García Negro, Aleixandre e Valverde, este xoves no simposio da RAG
De esquerda a dereita, Vilavedra, García Negro, Aleixandre e Valverde, este xoves no simposio da RAG Ángel Manso

A segunda sesión do simposio da RAG centrouse nos estudos literarios do autor a quen se lle dedica o Día das Letras

16 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas múltiples facianas dende as que se pode abordar a vida e a obra de Ricardo Carvalho Calero a da súa contribución aos estudos literarios non é menor. De feito, esta disciplina non se pode entender sen as achegas do autor a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, especialmente no que atinxe á investigación e divulgación de Rosalía de Castro. Se houbo unha figura que o acompañou toda a vida, esa foi Rosalía, dende as primeiras lecturas ata o derradeiro artigo, que apareceu de xeito póstumo.

Esta faceta de Carvalho centrou a segunda sesión do simposio que a Real Academia Galega organiza arredor do escritor e na que interviron Pilar García Negro, Dolores Vilavedra e Alberte Valverde, moderados por Marilar Aleixandre. García Negro serviuse da atención que Carvalho lle prestou a Rosalía para ilustrar os seus avances e maxisterio. Xa non se tratou só do que representa cuantitativamente nas análises practicadas polo autor -e que tamén deixou pegada na súa obra de creación, nomeadamente a poética-, senón que subliñou o «salto cualitativo» que supuxo: unha perspectiva científica pioneira e un tratamento que consideraba a Rosalía á altura dos grandes clásicos universais -e, como tal, merecente dunha ollada rigorosa pero que non excluíse a emoción- conduciron a levantar todo un edificio de palabras que abriron novos camiños de análise e revelaron unha nova grandeza da escritora. «Tal perspectiva investigadora supón unha novidade integral nun contexto cultural onde a escritora e máis citada do que lida, máis reverenciada do que coñecida, inclusive máis deformada do que recoñecida na súa verdade textual», explica García Negro.

Rosalía foi o tema da tese de doutoramento de Carvalho, defendida en 1954 na Complutense, así como o seu discurso de ingreso na RAG, ocupa un lugar preeminente na súa historia da literatura galega e, xa nos últimos anos da súa vida, foi obxecto dun intenso labor de divulgación, especialmente en 1985, cando se conmemorou o centenario do pasamento da escritora.

Nesa Historia da literatura galega contemporánea incidiu tamén Alberto Valverde, que examinou os textos ensaísticos de Carvalho comprendidos entre 1931 e 1981, enfocados á luz de conceptos como nacionalismo literario, literatura nacional e canon.

Dolores Vilavedra centrou a súa intervención na contribución de Carvalho á canonización da narrativa. Neste eido, compartía os principios enunciados polos autores da Xeración Nós como bases substantivas da identidade galega: lirismo, humorismo, sentimento da terra e saudade. Carvalho dedicou a súa atención preferente á narrativa breve e no seu canon figuraban nun lugar alto Castelao e Otero Pedrayo, seguidos de Vicente Risco. «As obras narrativas dos dous primeiros autores serán as que capten maioritariamente a súa atención analítica e crítica», explicou Vilavedra. Pola contra, mantiña un certo distanciamento perante a narrativa de Eduardo Blanco Amor, pero simpatizaba coa Nova Narrativa Galega. Malia estar a súa actuación canonizadora mediatizada polos seus prexuízos, identitarios e lingüísticos, «foi quen de superalos ou, máis ben, integralos no seu punto de vista para achegarse aos textos dende unha perspectiva inmanente, deixándonos análises que hoxe resultan iluminadoras e, diría eu, imprescindibles», concluíu a relatora.