Retratos da pandemia

María López Sández e Miguel Muñiz capturan o coronavirus en «Illados»

Detalle de «Afectos», unha das imaxes do libro «Illados»
Detalle de «Afectos», unha das imaxes do libro «Illados»

redacción / la voz

«Sen dúbida, hai algo arquetípico, un elemento universal que se activa ao enfrontármonos ao perigo que esperta as nosas inquietudes existenciais e que se manifesta nas procuras de consolo e de seguridade, na vivencia cíclica das enfermidades epidémicas». María López Sández (Lugo, 1973) escribe esta reflexión sobre o Decamerón de Bocaccio e a súa descrición da peste que asolou Florencia na primavera de 1348, unhas palabras que tamén serven para guiar o espírito do libro que introduce, Illados. Diario da pandemia (Galaxia). López Sández en palabras e Miguel Muñiz (Ourense, 1966) con fotografías compoñen un retrato doutra primavera excepcional, a deste 2020 marcado polo andazo de coronavirus.

Os traballos de ambos compleméntanse para acadar unha panorámica dos efectos da pandemia nas vidas, laborais e cotiás, e mais nos espazos. Illados estrutúrase en oito apartados ou capítulos: Baleiro, Medo, Loita, Historias 1. Camioneiros, Historias 2. Circo, Afectos, Reencontro e Vida. Cada un coloca o foco -e a palabra- sobre un aspecto determinado do impacto da enfermidade. Algunhas das imaxes recollen eses intres coñecidos e repetidos -dende facer a compra a ir a misa- nos que os seus protagonistas tratan de recuperar ou manter a normalidade, malia ese elemento que delata que non é normal o que se está a vivir: a máscara.

Nese mesmo prólogo, López Sández describe as fotografías de Muñiz como resultado da «tensión da imaxe en movemento», lonxe do «acougo da estética prefabricada». Abondan tamén o que se podería cualificar como retrato indirecto, nos que a pandemia fai a súa presenza a través dunha intromisión sutil mais esmagadora. Como ese tendal no que se poñen as máscaras a secar pero que se ven só como sombras entre a bogada. Ou os anciáns que ollan pola xanela dun autobús no que se pode ler «Ventana de socorro». Tamén hai, e non faltan exemplos, intres que falan ás claras do que se viviu e está a vivir: traballadoras de urxencias que aplauden ou esoutras que fan o sinal da vitoria baixo unha clara mensaxe, «Resistiremos».

O libro inclúe un capítulo centrado na actividade dun circo durante a pandemia
O libro inclúe un capítulo centrado na actividade dun circo durante a pandemia

Mais nesa ollada oblicua á pandemia destacan apartados como os que documentan a súa pegada nas cabinas de camioneiros ou baixo a carpa dun circo, este último, convertido en metáfora da vida en suspensión, nunha «realidade fóra do tempo», como escribe López Sández.

O resultado desta colaboración é que Illados compón «a imaxe do espello que nos reflicte», en palabras da autora. Son retratos individuais pero nos que non hai dúbida que se encarna unha experiencia colectiva, e a súa contemplación, como acontece coa arte, e como aconteceu hai séculos na Florencia da peste, axuda a entender, a enfrontarse ás dificultades e ofrece conforto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Retratos da pandemia