Pola ribeira

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

13 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

meu pai tivo dúas lanchas no Portiño, un pequeno enclave mariñeiro nas aforas da Coruña. Diante deste lugar atópanse as illas de San Pedro, un conxunto de gran valor ecolóxico formado por varias pequenas illas e illotes que ao tempo fan de dique natural neste tramo costeiro.

Ao meu pai gustáballe moito pescar e foi el quen me transmitiu esa afección que practico a miúdo con moi diferentes resultados. Xunto con outros amigos e sempre que se podía, saían ao mar e facían moi boas capturas. Eu non ía na lancha, que me mareaba moitísimo, e as contadas veces que saía con eles quedaba pescando coa cana nalgunha daquelas illas coa sensación de estar nun lugar fantástico.

Eran outros tempos, o mar tiña os recursos menos explotados e o raro era non traer algo para casa. Non sei exactamente cando ao meu pai lle interesou a pesca de mar porque el era home de interior e que eu saiba, Contadas veces pescou nos ríos. Xa aquí, e indo pola ribeira, adoitaba traer grandes robalos, sargos, polbos, etcétera, e dende a lancha moita cantidade de peixe que logo repartía coa familia.

O meu irmán maior tiña un traxe de pesca submarina que mercara en Suíza; ás veces acompañábaos e mergullábase collendo ourizos dun tamaño ben considerable, nun tempo no que este prezado manxar apenas era considerado en Galicia como si, e moito, noutros lugares.

Co meu pai aprendín a técnica de pescar panchos, moi abundantes daquela nesta costa, e tamén a do corricán moito máis laboriosa e dinámica. Ensinoume a recoñecer os diferentes estados da mar, cando era bo para ir dun xeito ou de outro, distinguir os diferentes peixes da nosa costa e a respectar os tamaños. Con el vin golfiños, arroaces, e outros cetáceos vivos como tamén cachalotes ou baleas mortas e varadas pola nosa ribeira.

Todo era unha constante aprendizaxe, pero sobre todo grazas a el, entendín o mar doutro xeito, seguín os seus consellos como o de «nunca lle des as costas» e a ter a prudencia como valor principal. Momentos de lecer e aprendizaxe que lembro con agarimo.