Antía Yáñez: «A cultura pode educar, pero o que ten que facer primeiro é entreter»

Sara Pérez Peral
sara pérez REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Antía Yáñez, nas inmediacións da súa academia de clases de reforzo en Cecebre
Antía Yáñez, nas inmediacións da súa academia de clases de reforzo en Cecebre MARCOS MÍGUEZ

A escritora relata a braveza de catro alumnos con necesidades especiais

13 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Conta Antía Yáñez (Burela, 1991) que de pequena lía e lía e lía e lía. Agora, tamén escribe novelas. Como Plan de rescate (Xerais), unha publicación que nace para entreter pero que tamén pretende formar. Premiada co Agustín Fernández Paz na categoría de igualdade, Noela, Xeila, Héitor e Aldán teñen unha misión: salvar ao CEIP O Hórreo. 

-A nai de Noela di que é unha parvada preocuparse por cousas que non están na man dun. É tamén unha crenza da súa nai?

-Máis ben é unha filosofía miña. Aínda que ás veces é moi difícil porque é algo inconsciente, hai que intentar que as cousas que non están na túa man non te preocupen. Gustábame que unha nai fose positiva e dixera: se isto non o podes solucionar, pois xa está, non penses niso. Eu quería aproximar as minusvalías e imaxínome que, como nai, tenche que custar moito ver que hai cousas que todo o mundo pode facer e a túa filla non. Quería que fose unha nai positiva porque se non fose así, mal: depresión. Intento ver sempre as cousas positivas.

-Que hai do carácter de Noela en Antía Yáñez?

-Primeiro, iso de que o amor é unha lea. Cando era pequena pasaba olimpicamente. Tamén que sempre quería ser a líder, a xefa, onde todos me fixesen caso. Era moi mandona. Hai de Noela o gusto polas ciencias, onde a súa materia favorita é as mates. Quería loitar contra a idea de que as rapazas son de letras e os rapaces de ciencias. Non, cada un debe estudar o que queira. Eu era a que sacaba as notas máis altas da miña clase en mates.

-Tamén está latente esa vena defensora, de loitar contra as inxustizas?

-Si, pero máis cando era pequena. Ás veces facerse maior é darte conta de que non podes ir de xusticeira pola vida. Hai demasiadas causas polas que loitar, e como non dosifiques vólveste tola. Entón, reivindico ese idealismo da infancia no que cres que podes cambialo todo. Facerte maior é un golpe de realidade. Ti podes poñer o teu gran de area, pero non dependerá de ti. Case nunca nada depende de ti. Os nenos cren que poden cambiar o mundo, e iso é unha cousa moi bonita da infancia. Ás veces digo: o mundo está feito así, Antía. Ti podes intentalo pero non o vas conseguir.

-Por iso «Plan de rescate». Catro nenos que pensan que poden salvar o colexio.

-Sempre penso: que pode facer un neno que un maior non? Se chegan a ser uns adultos os que están encerrados nesa aula, non saen a salvar o colexio. Comezan a pensar: se me disparan, se hai que mirar as vantaxes e os inconvenientes... Actuarían racionalmente. Se Noela, Héitor, Xeila e Aldán fosen adultos, aínda estarían hoxe encerrados na clase agardando a que chegase a policía.

-Unha aula de necesidades especiais en primaria no CEIP O Hórreo. Como xorde a historia?

-O inicio está nas noticias que se escoitaban hai un tempo, onde adolescentes de EE.UU. entraban en institutos e atacaban aos seus compañeiros e profesores. Cando eu lía esas noticias, o primeiro que me viña á cabeza era o que todos pensamos: «Dios mío, que pasa aí?». Logo tamén pensaba nos motivos que levan a un rapaz de 16 anos a facer iso. E de aí vén a motivación dos que fan isto ao CEIP O Hórreo. Se un rapaz é quen diso, tamén haberá algún que faga o contrario e intente axudalos. Non quería que fose nada melodramático e que rematase como esas noticias. É dicir, tomei unha noticia mala e intentei darlle unha volta para que resultase unha historia divertida.

-Unha novela que nace co obxectivo de entreter pero que tamén pretende formar.

-Interésame o debate de se a cultura é educación, pero realmente non cheguei a unha conclusión satisfactoria. A cultura pode educar, pero o que ten que facer primeiro é entreter. Cando lean o libro, o que quero é que o pasen ben, pero se logo consigo que se formulen preguntas, pois mellor. Eu paseino moi ben escribindo esta novela. Isto é explicar cousas que me facían diferenciarme do resto. E agora que son adulta, decátome de que aí está a virtude. Gustaríame que de pequena me dixesen: non pasa nada por ser diferente.