Kerouac deixa o camiño e bótase á estrada 50 anos despois da súa morte

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Kalandraka trae ao galego a gran obra fundacional do movemento «beat»

12 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cincuenta anos despois da súa morte, Jack Kerouac (Lowell, Massachusetts, 1922-St. Petersburg, Florida, 1969) deixa o camiño e bótase á estrada. Na estrada, que así se titula a edición galega da gran obra fundacional do movemento beat -En el camino, segundo a versión en castelán que se podía ler no inesquecible catálogo de Bruguera e despois no de Anagrama- na tradución que Xesús Fraga elaborou para o selo Kalandraka, supuxo un torpedo á liña de flotación do American Way of Life, un ataque ao aburguesamento das conciencias, un canto á liberdade do individuo e ao tempo unha reivindicación dos cidadáns que o sistema deixa nas marxes. Eses seres, por certo, que retrata o libro da reporteira Jessica Bruder que adaptou ao cine recentemente a realizadora chino-estadounidense Chloé Zhao en Nomadland, película que vén de gañar na Mostra de Venecia o León de Ouro. É dicir, a proposta de Kerouac segue hoxe a estar de actualidade, perfectamente vixente.

A viaxe que por América do Norte emprenden Sal Paradise e Dean Moriarty é un reflexo, case unha crónica, da aventura na vida real protagonizada por Jack Kerouac (Sal) e Neal Cassady (Dean), cos seus insignes colegas de fazañas literarias e andanzas pola rúa Allen Ginsberg e William Burroughs.

O escritor e xornalista betanceiro Xesús Fraga -que, nesta mesma colección Faktoría K de Kalandraka xa trouxo á lingua de Rosalía fitos da literatura universal como a Lolita de Nabokov- lembra que leu a novela de Kerouac por vez primeira na adolescencia: «Prestouma, nunha edición moi gastada da colección Libro Amigo de Bruguera, un compañeiro do instituto, que á súa vez llo collera á irmá maior. Deixoume un día o exemplar na caixa de correo da casa de meus pais, cos que vivía naquela altura».

Unha epifanía

A lectura foi unha auténtica epifanía, di, xa que Na estrada non se parecía a nada que el lera antes. «A voz narradora de Sal Paradise conectaba de inmediato, cunha proximidade e unha complicidade que atravesaba o tempo e o espazo, trasladando todas esas viaxes pola Norteamérica da posguerra da Segunda Guerra Mundial con gran facilidade ao Betanzos de corenta anos despois». Ao tradutor resultoulle entón fascinante esa liberdade de rachar cunha existencia máis ou menos convencional e botarse á estrada e descubrir o país, a un mesmo e o sentido da vida. «Quen non soña con facer iso aos 16 ou 17 anos? Eran tempos nos que os meus amigos e mais eu, sen vehículos propios, percorriamos as vilas da contorna a dedo, e eu pensaba que algún día o autostop nos habería de levar pola N-VI adiante, sen rumbo fixo».

Unha vez accedido ao universo Kerouac xa non se quere abandonar. Recorda Fraga como, a partir de Na estrada, xa nos anos universitarios, foi lendo todo o que atopaba deste escritor, títulos que ía sumando en sucesivas viaxes a Londres: Os vagabundos do Dharma, Os Subterráneos, Big Sur, Tristessa... ata ler unha ducia dos seus libros e desenvolver un interese profundo no autor e na súa obra.

Por todo iso, por aquela devoción, por unha especie de lealdade agradecida por tantas horas de lectura, aceptou o encargo de tradución que lle fixo Kalandraka, ademais de por poder colaborar en achegar ao galego un clásico universal do século XX. Porque iso é o que é Na estrada; xa ninguén fala desta novela como unha obra de culto, que é o que era nos seus inicios.