Carvalho Calero, do líder nacionalista ao exilio interior

A primeira xornada do simposio da RAG tamén analizou o seu activismo cultural

O simposio celébrase na sede central da Real Academia Galega, na coruñesa rúa Tabernas
O simposio celébrase na sede central da Real Academia Galega, na coruñesa rúa Tabernas

redacción / la voz

A biografía de Ricardo Carvalho Calero, nacido en 1910 e falecido en 1990, é nalgúns aspectos, un espello do tempo que lle tocou vivir. «Dise que o século XX comeza en 1914 e remata en 1989, e Carvalho Calero o representa moi ben», reflexionou este xoves o historiador Ramón Villares na xornada inaugural do simposio que a Real Academia Galega lle dedica á figura homenaxeada este ano co Día das Letras. Para Villares, Carvalho foi «unha persoa que contribuíu a facer a historia de Galicia do século XX e tamén padeceu algunhas das súas adversidades máis fortes». Villares moderou unha mesa redonda na que Justo Beramendi, Carmen Blanco e Martinho Montero Santalha abordaron distintas facianas de Carvalho Calero para ofrecer un retrato complexo que vai do nacionalista no tempo anterior á Guerra Civil, o exilio interior polo que pasou durante o franquismo e o intenso labor cultural que desenvolveu, mesmo xa durante a xubilación.

Beramendi centrouse no perfil político do escritor, unha etapa que analizou a partir da súa chegada a Santiago en 1926, durante a ditadura de Primo de Rivera. «Primeiro entrou en contacto co Seminario de Estudos Galegos. Despois participou activamente na reorganización do nacionalismo e foi tamén líder do movemento estudantil. A pesar da súa xuventude, Carvalho Calero xogou un papel bastante relevante no nacionalismo galego de anteguerra», explicou. O historiador citou a súa participación na fundación do Partido Galeguista e na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía. Carvalho estivo «sempre na banda esquerda do movemento, partidaria non só do autogoberno de Galicia, senón tamén da súa democratización en forma republicana».

A Carmen Blanco correspondeulle analizar os anos da «resistencia» na posguerra. Condenado a prisión e inhabilitado para o emprego público unha vez fóra, Carvalho venceu as dificultades para conducir «afirmativamente a súa profunda e precoz vocación literaria e a súa ansiada vocación profesoral», esta última no privado Colexio Fingoi e, máis tarde, na Universidade de Santiago, onde sería o seu primeiro catedrático de Galego. Quefaceres nos que tratou de manter o seu «compromiso persoal e social galeguista da xuventude».

A primeira sesión do simposio pechou coa intervención de Montero Santalha, quen se centrou nos dez últimos anos de Carvalho. «Xa xubilado e sen obrigas académicas, seguiu a traballar intensamente pola cultura galega e desenvolveu, malia o seu estado de saúde, un activismo cultural que nos admira», detallou. Foron anos nos que publicou obras esenciais na formulación da súa perspectiva sobre a lingua, «alarmado perante as novas circunstancias socioculturais que ameazaban o futuro da lingua de Galiza», aínda que a súa posición contraria á normativa lingüística oficial e fundamento do reintegracionismo acabaría por custarlle desavinzas con vellos amigos, segundo Montero.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Carvalho Calero, do líder nacionalista ao exilio interior