Homenaxean ao gaiteiro Ricardo Portela, o gran transmisor da tradición

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o músico Carlos Núñez, mostran o libro sobre Portela
A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o músico Carlos Núñez, mostran o libro sobre Portela PACO RODRÍGUEZ

O Consello da Cultura lembra ao músico de Viascón no centenario do seu nacemento

06 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ricardo Portela non era un gaiteiro normal, era un gaiteiro científico. Calquera que escoite o seu repertorio decatarase». As palabras son do músico Carlos Núñez, autor da publicación De gaiteiro a gaiteiro, que contén o testamento musical do último herdeiro do Gaiteiro de Soutelo. As súas verbas quedaron corroboradas por outros referentes do mundo da gaita e da música galega, como Álvaro e Susana Seivane, Antón Corral e Xosé Lois Foxo, entre outros, durante o encontro impulsado onte polo Consello da Cultura Galega para homenaxear ao gaiteiro de Viascón (Cerdedo-Cotobade, Pontevedra) no centenario do seu nacemento.

Ricardo Portela foi «un gran transmisor da tradición que viña de atrás». Así o comprobou Carlos Núñez despois de comparar as gravacións das súas interpretacións coas de Avelino Cachafeiro -o Gaiteiro de Soutelo-, Xan de Campañó ou de Perfecto Feijoo, pois continuou con técnicas que el aprendera directamente destes mestres. É máis, o autor do libro asegurou: «Nunca puiden imaxinar que este home gardara tantas esencias, son sabedorías moi difíciles de coller [...] Ricardo era un artista, un gaiteiro, pero había algo máis. E amosou que o seu tesouro segue vivo». Precisamente, neste aspecto de recoller o legado para transmitilo incidiu a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez: «Portela foi consciente de que a tradición se fai todos os días, non serve de nada unha tradición museística».

Máis alá dos ornamentos e de ser ese transmisor da tradición aprendida dos mestres gaiteiros, no encontro celebrado este luns no Consello da Cultura tamén quedou claro o traballo en pro da gaita e do gaiteiro. A conversa en torno ao intérprete de Viascón comezaba recuperando unhas palabras súas nas que reivindicaba «a dignificación da gaita e do gaiteiro, que deixe de ser ese coitadiño», ademais de salientar a expresividade deste instrumento. «Eu admireino por esta defensa da gaita e o gaiteiro», indicou Antón Corral, figura clave na música tradicional galega. E así contou a anécdota de que cando contrataban a Portela para as festas, solicitaba que o seu nome tivese nos carteis o mesmo tamaño que o das orquestras, senón non tocaba. E así o fixo algunha vez. «A defensa que el tiña da gaita era extraordinaria», agregou.

Outro dos aspectos nos que incidiron foi na conexión que tiña Ricardo Portela coas novas xeracións. «Era un gaiteiro culto e ilustrado e a gaita así recobra a categoría», engadiu Xosé Lois Foxo -autor da única composición dun músico vivo transcrita en De gaiteiro a gaiteiro- e apuntou que unha das achegas máis sobranceiras do músico de Viascón foi a de «dinamizador das novas xeracións». «Sabía relacionarse moi ben con elas. Tiña unha facilidade natural para sumarte ao seu proxecto», incidiu Ramon Pinheiro, responsable da produción editorial do libro editado polo Consello da Cultura. Moitas lembranzas de Ricardo Portela garda tamén Susana Seivane. «Para min foi como coñecer aos Rolling Stones», explicou a gaiteira.

A homenaxe, presentada por Manuel Gago, contou coa participación do musicólogo Carlos Villanueva, do director de orquestra Maximino Zumalave, de do seu alumno, Fermín Taboada.

Pasou 40 anos buscando o son da gaita que lle roubaron na Guerra Civil

Entre as numerosas anécdotas que xurdiron na homenaxe a Portela está a ardua busca iniciada polo músico dunha gaita que soase igual que a que lle roubaran durante a Guerra Civil. Relatouno Álvaro Seivane. «Ricardo coñeceu ao noso pai a finais dos anos 70 porque nunca puido volver a tocar a gaita a gusto despois da que lle roubaran en Mataró». Despois de ir xunto a múltiples artesáns, chegou a Seivane en Ribeira de Piquín. Alí, tras escoitar o son dunha gaita que Xosé Seivane lle estaba entregando a un madrileño pediu probala e díxolle: «Isto é o que quero. Soa como timbre da miña gaita», lembra Álvaro, que foi o autor do último punteiro co que actuou Ricardo Portela. «Tiña un oído moi fino como o demostra que despois deses 40 anos recordaba a súa gaita», conclúe.