Hemingway e os nosos

CULTURA

04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tense profundado moi pouco na relación de Ernest Hemingway cos escritores españois da súa época, coma se de certo el non tivese coñecemento nin interese polas súas obras. Unha realidade que, en parte, foi así, pero que non o foi en todos os casos. Porque Hemingway sabía ben onde estaba cando chegaba a España, antes e despois da Guerra Civil, e interesábase polo que sucedía, sobre todo no mundo dos touros, certo, pero tamén no dos pintores e os escritores. Por iso quero traer aquí unha reflexión sobre isto, porque houbo un vínculo máis próximo do que se cre.

É sabido, por exemplo, que o escritor norteamericano admiraba a Pío Baroja, ao que visitou na súa casa de Madrid cando o vasco xa estaba moi preto da morte, que se produciu o 30 de outubro de 1956. Hemingway apreciaba a personalidade e a literatura do rexo vasco, como subliñou José Luis Castillo-Puche, escritor murciano -casado con galega-, que foi quen preparou a visita do norteamericano a un Baroja xa encamado.

Mais, paradoxalmente, coido que foi a memoria literaria de Valle-Inclán (por riba da de Unamuno ou Azorín) a que lle chamou máis a atención. Porque Hemingway viu no galego, como escribiu o propio Castillo-Puche, «unha boa gaita, que parece que canta o pracer, pero que termina cantando a dor. Diríase que canta a crueldade con máis gusto que a beleza. O malo é que ás veces pon o calmante da piedade, ese candor dopado da gaita». Unha forma de velo e de explicalo.

A Hemingway pasáralle con Valle-Inclán algo parecido ao que despois lle pasou a Orson Welles cando quixo levar ao cine Divinas palabras e non puido. Valle guiaba con enerxía un esperpento que non era doado de controlar. Hemingway chegara a Vigo en 1921, camiño dunha Europa parisina da que lle falaran con acentos mitificadores. En 1927 pasou uns meses en Compostela, convencido de que esta era «a cidade máis fermosa de Europa». E en 1931-33 volveu andar por Galicia. ¿Coñeceu entón a Valle, o gran escritor namorado de Santiago, a onde veu morrer en 1936? A vila do Apóstolo era daquela tan pequena que é case inverosímil que non se cruzasen se coincidiran nela. Mais sobre isto aínda se estende un misterio sen descifrar.