Unha mostra abre as páxinas de «Nós» para profundar na identidade galega

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

A exposición «Galicia, de Nós a nós» reúne no Gaiás máis de 300 pezas

03 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 de outubro de 1920 saía do prelo de Ourense o primeiro número da publicación Nós. Cen anos despois, os seus 134 números exhíbense por primeira vez xuntos para constituír o xermolo da exposición Galicia, de Nós a nós, que ata o 17 de xaneiro poderá verse no Museo Gaiás. «A revista é un piar da nosa identidade contemporánea, se non fose por Nós, hoxe non estabamos aquí; non había autonomía, non había nada. Pero os membros desa xeración, co seu traballo tan multidisciplinar e tan aberto, conseguiron facer unha idea de Galicia que, cos seus matices, é a que chega hoxe», asegura Afonso Vázquez-Monxardín, que, con Ana Acuña Trabazo, se encarga do comisariado da mostra.

Un relato expositivo escrito a través de máis de trescentas pezas para conectar «vellos tempos cos actuais», que abarcan desde o século XIX ata a o día de hoxe. Sete nomes serven de guía: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas, pero hai moitos máis que os acompañan, ademais de múltiples documentos, obras de arte, imaxes e materiais interactivos, porque «esta é una exposición de ideas, non de personaxes», destacan ámbolos dous comisarios.

A Carta Xeométrica de Galicia, que o xeógrafo Domingo Fontán rematou en 1833 e está considerado como o primeiro mapa físico realizado con rigor, abre a primeira páxina desta mostra. Este traballo admirado por Otero Pedrayo, penduraba na súa casa de Trasalba nunha época na que os mapas eran escasos. Xunto a el, algúns dos avances tecnolóxicos do século XIX, como un fonógrafo ou o primeiro anuncio da historia en lingua galega. De aí, e despois de pescudar nas orixes da revista e nas súas páxinas, ata a actualidade, coas voces da poeta Yolanda Castaño, o cineasta Oliver Laxe, a cantautora Faia Díaz ou a fotógrafa Lúa Ribeira, que protagonizan un coloquio audiovisual. Para configurar este percorrido histórico-artístico conmemorando o centenario de Nós, hai pezas procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista. Ademais, colaboran máis de sesenta institucións e prestameiros privados, coa participación de numerosas entidades galegas.

A mostra -que ocupa o segundo andar do museo situado na Cidade da Cultura- recalará no mes de febreiro no Centro Cultural Marcos Valcárcel, de Ourense, e en abril no Museo Provincial de Pontevedra.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacou durante o acto inaugural que a Xeración Nós «retrata e rescata a nosa cultura» e indicou que nas máis de trescentas pezas que conforman o proxecto «están vivas as raíces culturais da Galicia que somos». Galicia, de Nós a nós dálle continuidade ao relato iniciado con Galicia, un relato no mundo.

A maleta de Pondal, a bandeira de Castelao e o poema de Lorca

Os 134 números da revista Nós son o fío condutor dun relato articulado en cinco seccións. No inicio, ademais da Carta Xeométrica de Fontán, atópase a maleta de Os Eoas, de Eduardo Pondal, na que se recollen varios centos de papeletas nas que o poeta foi redactando ao longo da súa vida o poema épico. Tamén se poden atopar múltiples documentos, como aquel escrito no que por primeira vez se chama a celebrar o Día de Galicia no 1920 con bandeiras nos balcóns asinado por Vicente Risco e Arturo Noguerol, ou outros nos que os diferentes membros da xeración comezan a artellar a creación da revista e despois falan das vicisitudes para sacala adiante. No percorrido expositivo sobresae o Noiturnio do adolescente morto, un dos seis poemas galegos de García Lorca, así como a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega, da lingüista alemá Margot Sponer, unha das tres mulleres que publicaron en Nós.

A mostra, ademais de permitir ver todas as portadas da revista, achega os seus contidos -neste apartado hai varias aplicacións interactivas-. Tamén incorpora pezas de arte, como o Saint Jacques le Majeur, a obra que Castelao definiu como a mellor estatua bretoa relacionada coa iconografía xacobea. Vinculada ao autor de Sempre en Galiza, exponse, ademais, a bandeira galega que se empregou nas súas exequias.