«Deux», gran triunfadora no festival de cine ourensán OUFF

gracia novás REDACCIÓN

CULTURA

O filme do realizador italiano Filippo Meneghetti alzouse coa Calpurnia á mellor película e o premio á interpretación polo traballo da actriz Barbara Sukowa

03 oct 2020 . Actualizado a las 21:29 h.

A película Deux, do realizador italiano afincado en Francia Filippo Meneghetti (Roma, 1980), erixiuse este sábado na gran triunfadora do Festival de Cine de Ourense (OUFF) ao alzarse coa Calpurnia ao mellor filme do certame e tamén co premio a interpretación para Barbara Sukowa, que —xunto con Martine Chevallier, outra magnífica actriz— forma parte do tándem protagonista desta historia de amor entre dúas xubiladas que ao longo dos anos viven con impotencia unha relación sentimental clandestina. Di o xurado —presidido pola cineasta Inés París— que a encarnación que de Nina fai Sukowa é «un traballo cheo de verdade e de matices cunha enorme potencia que, en espléndido diálogo coas outras actrices, condúcenos emocionalmente e permítenos a identificación cunha personaxe que transita pola liberdade, a dor, a indignación e a reivindicación do seu amor e a súa dignidade».

O certame converteuse así nunha celebración da presenza feminina no cinema, despois de que o pasado xoves se lle outorgase a Paula Cons o premio Xacobeo pola súa primeira longametraxe, A illa das mentiras. A isto véuselle sumar onte Paula Palacios, que se fixo acredora do recoñecemento á mellor cineasta da sección oficial e dunha mención especial do xurado pola película Cartas mojadas —por visibilizar o drama que sucede no Mediterráneo e interpelar ao espectador «para que recupere a humanidade e a capacidade para a xustiza fronte a un problema tan grave como o abandono e a morte no mar de seres humanos que só tentan acadar unha vida mellor»—. O filme levou ademais o premio do Público. En canto ao galardón CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales) á mellor cineasta da sección oficial, quere enxalzar en Paula Palacios a tarefa de dirección e guión que, din, pon de relevo «o seu compromiso persoal, valentía, profesionalidade e perseveranza ao longo dos anos para mostrar a realidade da migración e así contribuír a que se cre un movemento social que interpele aos responsables desta catástrofe humanitaria que se pode resolver con vontade política».

Tamén o premio especial do xurado foi para outra muller, a realizadora chilena Maite Alberdi, polo seu traballo de carácter documental El agente topo. O fallo destaca «a brillantez e a orixinalidade coa que aborda un tema tan actual e sensible como é unha residencia de anciáns, o seu magnífico retrato do desamparo, a vulnerabilidade e a capacidade de esperanza das persoas».

O galardón Carlos Velo á dirección foi para o xove autor polaco Jan Komasa e a súa película Corpus Christi, que transita con gran intelixencia —argúe o fallo— por temas tan espiñentos e actuais como a violencia, a mentira e a relixión, recreando con credibilidade as emocións e conflitos dun pobo. Para William Nicholson foi o premio ao mellor guión pola cinta Regreso a Hope Gap.

A gala foi presentada por Lucía Álvarez, directora da curta que se estrenou na inauguración, Amanezca, e Serxio Pazos, vestidos ámbolos dous por Adolfo Domínguez, diseñador ourensán ao que se lle concedeu o premio Calpurnia 25 anos, e o fío conductor da velada foi de novo a posta en valor do cinema feito en Galicia e o labor precursor que dende hai 25 anos cumpre a cita do OUFF.

Na gala estreouse en exclusiva a curta Non me espera ninguén, de Amanda Ortega, que protagonizan Isabel Blanco, Antonio Durán Morris e Estíbaliz Veiga, que falaron sobre o filme no escenario do auditorio xunto co produtor e guionista Ángel de la Cruz. O filme ten como escenarios principais terras ourensás, xa que foi rodado nos Peares ou no centro cultural Marcos Valcárcel.

O outro punto forte da noite foi a estrea mundial dun adianto da película Luarada do director ourensán Óscar Doviso, que subiu a presentalo xunto cos actores Marcos Vázquez e Helen Bertels. O filme, que se atopa actualmente en proceso de produción, céntrase na historia de Manuel Blanco Romasanta. O adianto que se proxectou na gala foi tamén filmado en Ourense, amosando de novo o valor da provincia como plató de cine.

Premios OUFF en Curto

O certame non esquece o seu compromiso coas curtametraxes. De feito, os primeiros recoñecementos en entregarse na noite foron os de mellores interpretacións do OUFF en Curto. Lidia Veiga de Onde dormen as gaivotas subiu ao escenario a recoller o seu premio de man de Isabel Blanco mentres que Denís Goméz de Mentres iso pasa enviou un vídeo dando as grazas ao festival. A continuación, entregáronse os premios de La penumbra e o realizador Daniel Viqueira subiu en dúas ocasións ao escenario. O palmarés en curto pechouse coa entrega do primeiro premio a To the Sea por parte do presidente do xurado, Simone Saibene, a Guillermo Vázquez, membro do equipo da curta.