Antón Patiño amosa no CGAC con «Caosmos» todas as súas dimensións

M. GarcÍa SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Patiño destaca que o obxectivo último da mostra é que o espectador se mergulle nela
Patiño destaca que o obxectivo último da mostra é que o espectador se mergulle nela XOÁN A. SOLER

03 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sorprender incluso aos que coñecen ben a obra de Antón Patiño». Iso é o que persegue Caosmos, a exposición que pode verse no CGAC do artista nado en Monforte e que fai un repaso pola súa traxectoria, desde os primeiros momentos da adolescencia, nos anos 70, ata as súas últimas obras. Unha mostra que trata de abordar ao autor en toda a súa complexidade, con todos os seus matices, de aí que tamén se recolla a súa faciana ligada a outros eidos, como o da literatura e o pensamento, a través da poesía, o ensaio ou os grupos musicais.

Dous grandes cubos pendurados do teito baseados no seu cómic Esquizoide, publicado en 1978, xunto o gran cadro de Pesanervios, presiden a sala onde se inicia un percorrido no que a obra de Patiño dialoga co edificio deseñado por Álvaro Siza. «Quero que o espectador se mergulle na mostra, na súa pulsión oceánica», afirmou o artista nun encontro co público xunto co comisario da exposición, Alberto Ruiz de Samaniego, e o director do CGAC, Santiago Olmo.

Caosmos ofrece un percorrido «algo sinuoso» pasando desde «as propostas brancas e lumínicas a entrar nas entrañas da besta, onde a luz inicial se transforma en catástrofe», sinala o comisario, que engade que a gran idea deste proxecto é a de «mosaicos, pensar en fragmentos», á vez que destaca o gusto cada vez maior do artista «polo branco ou eses rostros en desaparición». Ruiz de Samaniego alude a figuras recorrentes, como o labirinto, as marañas, as redes ou as manchas que vertebran a mostra, uníndoselle tamén ultimamente as ánforas.