A guerra de Siria e o cuádruplo crime de Nigrán, nas tramas do Torrente Ballester

CULTURA

Alonso e Riveiro Coello posan coas súas repectivas obras «Granito» e «O paraíso dos inocentes», gañadoras exaequo do último premio Torrente
Alonso e Riveiro Coello posan coas súas repectivas obras «Granito» e «O paraíso dos inocentes», gañadoras exaequo do último premio Torrente MARCOS MÍGUEZ

Antón Riveiro Coello e Álex Alonso presentan as obras coas que se alzaron exaequo co premio por fin publicadas por Galaxia e Xerais, respectivamente

03 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Esta é a primeira vez que se dá exaequo o premio a dous autores galegos», dixo Xurxo Couto, responsable da área de cultura da Deputación da Coruña. Foi na presentación das obras gañadoras do apartado en lingua galega do Torrente Ballester, concurso que organiza a entidade provincial. As novelas son O paraíso dos inocentes (Galaxia), de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Limia, 1964), e Granito (Xerais), de Álex Alonso (Vigo, 1968). O primeiro confesou a súa querenza por este galardón, do que xa foi finalista en 1998 con A quinta de Saler. «Por un voto non gañei -lembraba-, pero Carlos Casares teimou daquela para que fichara por Galaxia e publicara alí o libro. Manteño esa fidelidade».

O paraíso dos inocentes ten como pano de fondo a guerra de Siria con dúas voces en primeira persoa: a activista Amira, que informa desde Alepo e está no bando rebelde, e o químico Isam, que traballa nunha fábrica de xabón pero teme que o chamen para entrar no exército polo que decide fuxir a Europa. «As voces de Occidente van en terceira persoa, son máis distantes», explicou o escritor, para salientar que: «Occidente abandonou ao pobo sirio, nunca quixo dar armas pesadas aos rebeldes e aceptou a Bachar al Asad como un mal menor».

Riveiro falou «con refuxiados sirios que viven en Holanda» que lle contaron as súas vivencias, como cando a algún deles «os traficantes o enganaron ata catro veces». Sobre o título da novela apunta a tres colectivos de inocentes: os refuxiados, que «ven Europa como un paraíso do que os separa o mar»; as vítimas activas, os terroristas, aos que lles prometen un paraíso, e por iso atentan en accións que son «unha loucura abstracta»; e «os que soñaban coa revolución pacífica, unha nova primavera árabe en Siria, pero as armas acaban con ela».

Na novela «hai moita dureza pero tamén hai moita esperanza e solidariedade, moita xente que colabora e contrarresta así a pasividade dos Gobernos», di Riveiro. Recorda como a xente nova «colle unha mochila e marcha aos campos de refuxiados». Nesta liña apunta a conexión da novela con Galicia, con protagonistas en Arteixo ou Compostela.

Tamén recoñece que as imaxes da guerra de Siria acaban cansando «porque consúmense como un produto televisivo máis, como si fora unha serie. Amira fai as reportaxes para dar a coñecer a situación do país, non para que choremos senón para que reaccionemos». Ademais, «en Siria perciben que os mortos non valen igual alí que en Occidente», incide Riveiro.

Outra guerra, neste caso a de Bosnia, aparece na novela de Álex Alonso Granito. É un dos acontecementos daqueles primeiros días de 1994 nos que tivo lugar o cuádruplo crime de Nigrán: dous policías mataron a catro persoas da familia dun coñecido empresario do granito despois de telas secuestradas. Álex conta que cando tiveron lugar aqueles feitos lembrou A sangue fría, de Truman Capote, e pensou que «un día escribiría algo» sobre o suceso. Argumenta: «Eu non son Capote, nin un autor recoñecido para buscar testemuñas», así que o que fixo foi escribir unha novela de ficción elaborada a partir dun «enorme traballo de documentación», como enxalzou o xurado do premio. O autor foi recollendo as noticias da prensa diaria desde o 31 de decembro de 1993 ata a data dos asasinatos, 31 de xaneiro de 1994, e por iso a novela é unha crónica «da situación política, urbanística, televisiva, deportiva,... de todo o que estaba pasando».

«Empecei pouco a pouco e a escrita foi pracenteira. Non tiven esa crise de agora-que-poño e paseino moi ben», explica este licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago que traballa como tradutor-intérprete da Administración de Xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra.

O obxectivo polo que escribiu esta novela, aclara, foi só literario, «non quería molestar á familia nin aos autores do crime, nin buscar as causas do que pasou».