Camilo Nogueira e Eduard Velasco, premios Antón Losada Diéguez

«Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010)», do político nacionalista, e a novela «Os días felices de Benvido Seixas», do poeta catalán, recoñecidas polo xurado

Camilo Nogueira e Eduard Velasco, os autores recoñecidos polo premio Losada Diéguez na súa 35.ª edición
Camilo Nogueira e Eduard Velasco, os autores recoñecidos polo premio Losada Diéguez na súa 35.ª edición

Redacción / La Voz

O político e intelectual Camilo Nogueira (Lavadores, Vigo, 1936) e o poeta Eduard Velasco (Barcelona, 1982) alzáronse este sábado cos premios Antón Losada Diéguez. O veterano nacionalista fíxose co recoñecemento no apartado de investigación e ensaio -segunda vez que resulta galardoado- polo seu libro, o décimo, Unha nación no mundo. A razón resistente (1480-2010), no que analiza a historia de Galicia desde o sometemento nas últimas décadas do século XV ate os días actuais. Neste texto (Xerais, 2019) dá, en certo sentido, continuidade ao seu traballo A memoria da nación. O reino de Gallaecia (Xerais, 2001), no que profundaba na cerna medieval do país e no que daba en chamar a orixe da formación da conciencia nacional.

Premiado por maioría despois dun amplo debate -houbo 19 traballos presentados-, o xurado considerou que a última obra de Nogueira é «o derradeiro elo dunha triloxía adicada a Galicia como nación no mundo: unha interpretación suxestiva que se basea nun importante coñecemento e reflexión da Galicia dos últimos cinco séculos».

No campo da creación literaria, tras o estudo e a deliberación das 17 obras presentadas, o xurado outorgoulle por maioría o premio ao libro de Eduard Velasco Os días felices de Benvido Seixas (Xerais, 2019). O xurado celebra a un autor que «se revelou na literatura de noso con dous poemarios, e agora estréase na narrativa cunha novela ben estruturada na que participan personaxes moi traballados e cun ton humorístico logrado, de agradecer no sistema literario galego». A narración, engade, evita as modas e o narrador inclínase por contar as peripecias do relato con envexable frescura.

O premio Antón Losada Diéguez -organizado polos Concellos de Boborás e O Carballiño, vai pola súa 35.ª edición. O xurado reuniuse este sábado no edificio sociocultural Manuel Chamoso Lamas, en Boborás. A entrega dos premios celebrarase o vindeiro 7 de novembro no pazo de Moldes (Boborás), onde naceu o insigne intelectual galeguista que festexa o premio.

O xurado estivo composto pola alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres Madureira; o concelleiro de cultura do Carballiño Diego Fernández Nogueira; o poeta Luís González Tosar, representante da Deputación de Ourense; o ensaísta Xosé Manuel Núñez Seixas, polo Consello da Cultura Galega; Clodio González, pola Real Academia Galega; Xosé Fernández Salgado, da Universidade de Vigo; Xosé Manuel Salgado Rodríguez, da Universidade de Santiago; e Manuel Ferreiro Fernández, representante da Universidade da Coruña. Francisco Fariña Busto, polo Museo do Pobo Galego, non puido asistir.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Camilo Nogueira e Eduard Velasco, premios Antón Losada Diéguez