Atinada singradura de Paula Cons

Miguel Anxo Fernández

CULTURA

Fotograma da película de Paula Cons «A illa das mentiras»
Fotograma da película de Paula Cons «A illa das mentiras»

A primeira longametraxe de ficción da realizadora compostelá aborda o afundimento do Santa Isabel aquel 2 de xaneiro de 1921 fronte ás costas da illa de Sálvora

04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Deixemos á beira o orzamento axustado, esquezamos entrar a bisturí nas arestas inevitables en toda narración audiovisual, celebremos o rescate ficcionado dunha singular traxedia histórica, valoremos a audacia de Paula Cons por asumir o desafío de recrear uns feitos tan crus e desgarradores, coma ao tempo fascinantes, os do afundimento do Santa Isabel aquel 2 de xaneiro de 1921 fronte ás costas da illa de Sálvora cantada por Cabanillas. Daquela morreron máis de duascentas persoas, e tres mozas, María, Josefa e Cipriana, saíron coas súas dornas á mar adoecida para salvar a máis de medio cento. Do que pasou naquelas horas e, sobre todo, do que aconteceu despois, moito se falou pero non rematou a xeito para a súa memoria. Outra vez, as mulleres como vítimas.

O guión da propia Cons e Luis Marías tenta mergullarse naqueles feitos cunhas pingas de thriller -un xornalista a xeito de sabuxo- e optando por unha estrutura canónica, a que os gregos literarios cuñaron polos séculos dos séculos: presentación, nó e desenlace. Só introducindo algunhas variantes liviás, sen por iso atentar contra a intelixencia do espectador.

O de pórse estupendos coa trama, coa narrativa e mesmo coa textura visual, non estaba entre os plans da directora, e moito llo agradecemos cando pousamos na cadeira mirando cara a cuarta parede. Ao que ten de boa saúde para o audiovisual galego, este afortunado debut de Cons -curtida no documental- coa súa primeira longa de ficción, cómpre engadir o reto de facer un filme de época, que non é cousa menor pola súa loxística de rodaxe. E máis aló de que os ambientes transpiran dureza, e mesmo que todos os retratos femininos cobran vida -en especial Nerea Barros e a que considero unha descuberta, Victoria Teijeiro-, o encadramento elixido coa complicidade de Aitor Mantxola, un panorámico que recoloca aos personaxes diante da Natureza brava, e máis a atinada posprodución de cor de Alfonso Merino, redondea a crónica do que tamén foi un desatino social con tufo a machismo. E o máis importante: Paula Cons cóntanos unha historia para espertarnos e remexernos, que non é pouco.

«A ILLA DAS MENTIRAS»

España, Arxentina, Portugal, 2020.

Directora: Paula Cons.

Intérpretes: Nerea Barros, Aitor Luna, Darío Grandinetti, Victoria Teijeiro, Ana Oca, María Costas, Celso Bugallo.

Drama. 93 minutos.