Isaac Díaz Pardo, epistológrafo


Na historia da literatura epistolar de Galicia asistimos hoxe a un feito magno: a publicación por parte do Consello da Cultura Galega do epistolario Luís Seoane / Isaac Díaz Pardo. Son 331 cartas que se escribiron estes dous xigantes da creación e da acción cultural entre o 6 de marzo de 1957 e o 28 do mesmo mes de 1979, oito días antes do falecemento de Seoane. En efecto, o 5 de abril o ilustre exiliado falecía despois dunha conversa telefónica con Díaz Pardo, irmáns sempre, antes e despois desa data: «Irmáns do 36», un sintagma sagrado para Luís Seoane. As derradeiras cartas amosan, sen eufemismos, as discrepancias na acción cultural de dous egrexios cidadáns galegos que construíran un edificio cultural e industrial (e político), en pleno franquismo, esencial para a modernidade e o progreso de Galicia. Aí están o Laboratorio de Formas, o Museo Carlos Maside de arte moderna, as Ediciós do Castro, a impar (daquela) fábrica de Sargadelos, a segunda etapa do Seminario de Sargadelos e centos e centos de actividades que aínda ninguén inventariou. Xa falecido Luís Seoane, o grande Isaac Díaz Pardo dedicou tempo e esforzos para honrar a memoria do seu irmán en tantas cousas e para situalo na historia artística, literaria e política de Galicia.

Estas 331 cartas non son todas (sempre hai varias extraviadas), e algunhas, boa parte das de Seoane, xa foran publicadas por Ediciós do Castro en vida de Isaac. A edición do Consello da Cultura Galega é dixital (case un pecado para os saudosos do papel!) e foi prologada, cunhas páxinas intelixentes e xustas, polo historiador Ramón Villares; fixo a transcrición e a edición material Emilia García López, que coñece ben o rico fondo epistolográfico da institución, no que traballa.

Moitas das cousas que contan estas cartas xa están nos libros, pero en non poucas delas ofrécensenos datos da intrahistoria dunha valía moi importante, sobre todo as tensións familiares de Díaz Pardo, mentres segue coas súas tarefas creativas, ou a loita, no caso de Sargadelos, co gobernador de Lugo e con algúns dos socios capitalistas. Ás veces Díaz Pardo está tan farto de problemas domésticos e extradomésticos que é capaz de comunicarlle a Seoane que sería «más sano y estético irse a Vietnam a matar yanquis y aliados de ellos». Esta formulación, que Villares caracteriza de «desabafo», non está allea ás musas retóricas que Díaz Pardo cultivou, de mozote, cando militaba nas Xuventudes Socialistas Unificadas. Pero non hai retórica cando lle comunica que el e uns amigos choraron cando souberon da morte de Ernesto Che Guevara.

De Isaac hai cartas que son verdadeiros ensaios sobre a personalidade do gran Luís Seoane, e, no conxunto do epistolario, unha fonte valiosísima para entender a cultura galega desde 1957: a cultura galega e parte da súa intrahistoria. Este corpus epistolar é un tesouro documental e literario, moi oportuno para os estudosos no centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Isaac Díaz Pardo, epistológrafo