Alan Stivell

CULTURA

08 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cantas veces escoitariades falar da chamada música celta? Un xeito de facer música coas raíces asentadas en territorios situados nas fisterras europeas. Escocia, Irlanda, Illa de Man, Cornualles, Gales, Bretaña, Asturias e Galicia son os focos principais deste estilo que se estendeu a outros lugares do mundo a través das diferentes correntes migratorias.

A música celta caracterízase polo emprego de instrumentos de raíz tradicional orixinarios destes países. Determinadas arpas, gaitas, violíns, frautas, percusións e outros interpretando melodías e ritmos propios destes territorios como as jigs, os reels, os hornpipes, os plinns, os andros ou as nosas muiñeiras, melodías que fan recoñecible esta música en calquera punto do planeta. Unha música tan lexítima coma calquera outra e que goza dun grande prestixio e recoñecemento en todo o mundo. Un dos creadores deste movemento musical nacido na década dos anos 60 foi o bretón Alan Stivell, un home que trazou un camiño que moita máis xente seguiu no tempo.

Alan, de apelido Cochevelou e alcumado artisticamente co sobrenome bretón Stivell (‘forte'), naceu no ano 1944 e foi o principal recuperador da arpa céltica na Bretaña, sendo este o seu principal instrumento nos concertos a pesar de tocar outros moitos como a gaita, a bombarda ou os tin whistles.

Da súa numerosa discografía vendeu milleiros de discos e fixo concertos por case todo o mundo. Alan Stivell triunfou e amosou a cultura da súa Bretaña natal dende unha perspectiva descoñecida ata o momento. Foi quen de renovar a música bretoa e de crear un movemento cultural fortemente afincado nas raíces, os costumes e as reivindicacións das coñecidas como nacións celtas, proporcionando un discurso baseado nas antigas ensinanzas druídicas con achegas políticas e filosóficas máis acordes aos tempos actuais.

A súa discografía é moi ampla, pero quizais debo destacar o seu traballo Live in Dublin, do ano 1975, como unha declaración de intencións ideolóxicas ao tempo que arroupado por un elenco de músicos impresionantes. Eu gusto de Stivell, un dos pais da música celta actual. Por moitos anos, mestre!