A forza do amor emerxe en galego coas mensaxes do concurso Lingua de namorar

Os seis galardoados no certame da Xunta recibiron os agasallos polas súas composicións escritas

O director xeral de Política Lingüística e a directora de Xuventude entregaron os premios
O director xeral de Política Lingüística e a directora de Xuventude entregaron os premios

Santiago / la voz

«O amor é unha das grandes forzas que move o mundo», como enxalzou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. E volveu agromar en galego cos premios Lingua de Namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor organizado pola Xunta e dirixido a todos os mozos e mozas de entre 14 e 35 anos. Foron un total de 219 os que enviaron as súas verbas, as súas composicións, que despois votaron máis de 550 internautas. Os gañadores nas dúas categorías do certame recibiron este luns os seus galardóns nun acto no pazo compostelá de San Roque.

«Sei que ditongamos ás veces e outras somos hiato irrexuntábel, e que, aínda que imposíbel, a nosa rima é libre, asonante e consonante ao mesmo tempo; de arte maior e menor, sen importar se somos lira ou soneto, pareado ou sirventés. As antíteses véndannos os ollos, pero creme que confío a cegas no noso poema», escribiu o marinense Nee Barros Fernández na súa declaración de amor para gañar por cuarta vez na categoría de 14 a 19 anos, esta vez con Retórica. Nesta sección en segundo lugar quedou Ana Loureiro, de Caldas de Reis. «Hai margaridas / crecendo no meu peito, / xogas con elas cando me ispo / e escápaselles que te quero....», comeza no seu Primavera. En catorce palabras resumiu a súa mensaxe a focense María Femenías para conquistar o terceiro premio: «Compañeiro de clase, fixéchesme estudante eterna. Estudarte a ti leva, cando menos, unha vida».

«Rozáronse. Co suspiro / agarimaron o vento. / Nos seus ollares, / a lingua secreta dos que saben / que se queren». Así remata Ataraxia, a mensaxe de Leticia Cid, de San Cibrao das Viñas, que gañou o primeiro premio na categoría de 20 a 30 anos. En segundo lugar quedou Denís Vicente, de A Guarda, que onte non puido acudir a Santiago, con Un vinilo dos Dire Straits: «Gústame cando bailamos / e fechamos os ollos / e as mans devalan unha sobre a outra / lentamente...», empeza. Tamén da Garda é a terceira clasificada, Silvia Pérez, que entre as verbas de Fuxitivas inclúe: «Facía tempo que non me tremían as pernas / ao bicar a alguén. / Eramos dúas fuxitivas, / das historias, de amor romántico».  

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto á directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, foron os encargados de entregar os galardóns deste certame que procura dinamizar o uso do galego entre a mocidade nas súas relacións persoais e en Internet. O gañador recibiu unha bicicleta pregable; o segundo clasificado, unha tableta; e o terceiro, unha cámara deportiva. «Con este concurso estamos poñendo na rede e no mercado do afectivo algo que gusta, ademais de apostar polas tecnoloxías», incidiu García. Pola súa banda, Pichel agradeceu a abondosa participación dos mozos nun certame que sempre logra «pegada», como o demostra a implicación de 800 persoas. A directora xeral de Xuventude eloxiou a colaboración entre os dous departamentos para espallar o amor ao galego entre a xente moza e para que se entenda como unha lingua tan válida como o castelán para expresarse en todos os eidos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A forza do amor emerxe en galego coas mensaxes do concurso Lingua de namorar