Xenial Welles

CULTURA

21 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Orson Welles foi un cineasta tan xenialmente creativo e innovador que acabou por fracasar en varias das súas últimas propostas cinematográficas, un feito do que el tivo unha clara conciencia que nunca o levou a renderse. Moitos nos preguntamos aínda hoxe como foi posible que o mozo que puxo en pé todo aquel mundo de Cidadán Kane, a película que foi a imbatible n.º 1 para a crítica de cine mundial desde 1962 ao 2002, acabase perdido na fraga da súa xenialidade, dos seus excesos e dos seus caprichos. O enorme talento de Orson Welles non chegaba para poñerlle límites a unha vida aberta a un número incontrolable de proxectos teatrais e cinematográficos. Porque a súa capacidade creativa era simplemente portentosa.

Con Orson Welles cumpriuse o dito de que «o carácter é o destino». Naceu con todos os talentos e lucideces, que amosou moi cedo, tanto no seu traballo na radio, coma no teatro (onde destacou moi novo) e sobre todo no cine, que foi o espazo preferente do seu desafío creativo. Atreveuse cos temas máis difíciles e puxo en pé, case sen medios, obras xeniais, apoiado moitas veces en Shakespeare, ao que chamou, con razón, «o báculo da vida». Había algo entre eles que facía medrar o seu traballo, como sucedeu en Badaladas a medianoite (1965), e antes con Otelo e Macbeth. O seu foi un diálogo de talentos fóra do tempo real.

Polo que respecta a nós, Orson Welles pasou longas tempadas en España, onde se namorou do Quixote de Cervantes -obra que acabou levando ao cine, sen lograr rematar a filmación, que foi logo malterminada para a inauguración da EXPO de Sevilla 1992-, a pintura de Goya e o toureo de Antonio Ordóñez. Foi aquí onde tivo tensións e desacordos con Ernest Hemingway, home moi celoso do seu. Agora os restos do gran cineasta descansan no peitoril dun pozo, na finca do seu admirado e benquerido Antonio Ordóñez, en Ronda.

Welles percorreu España con gusto e estivo localizando espazos en Santiago de Compostela e arredores para unha película barroca que nunca rodou. Como tampouco logrou filmar Divinas palabras de Valle-Inclán, para a que xa fixera a selección de actores e todos os preparativos. Nos dous casos falláronlle os cartos, coma moitas outras veces.