Cartas da Galicia contemporánea

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

ccg

O Consello da Cultura vén de publicar o epistolario entre Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, unha cartografía da creación dun grupo cultural e dun proxecto de renovación estética para Galicia

23 ago 2020 . Actualizado a las 20:21 h.

Un diálogo dende as dúas beiras do Atlántico, unha conversa estendida ao longo de 331 cuños, a bitácora dunha operación intelectual de renovación cultural. Un epistolario a través do que se foi tecendo un proxecto de tal magnitude que aínda hoxe perdura nos andeis, nas mesas, nas paredes dunha nación enteira. Unha carta de navegación por un momento histórico de enorme trascendencia, pola recuperación e renovación da identidade galega, da (re)construción da Galicia contemporánea. E tamén a cartografía dos acordos e desacordos de dúas figuras que aínda que distintas, eran complementarias. Que malia as discusións, nunca acabaron de rachar.

Todo iso, se cadra moito máis, de seguro que moito máis, está contido no epistolario de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo que vén de publicar o Consello da Cultura Galega. Son 331 cartas —e non están todas— que foron indo e vindo, de Bos Aires a Sada, de Cervo a Xenebra, selando unha relación entretecida nas palabras que trata no fondo «de como soñaron a Galicia futura dúas persoas de formación parecida, pero non igual». Seoane, máis dotado para a creación intelectual. Díaz Pardo, con capacidades extraordinarias para a vida práctica, para a creación de industria, para levar adiante proxectos mais sen ter sido «un xestor, nin un artesán. Era un creador, e un creador de primeira fila». Fala Ramón Villares, autor do limiar que acompaña o especial sobre Díaz Pardo que o Consello publica co gallo do centenario do seu nacemento, dun epistolario que funciona como diario «dunha obra feliz, porque con todos os atrancos que tiveron, segue estando o nome de Sargadelos e de Castro».

 

A través das cartas que se intercambiaron entre 1957 e 1979 vaise compoñendo a historia da creación dun grupo cultural distinto dos que había cando o franquismo comezaba a alasar. Diferente de Galaxia, do Instituto Padre Sarmiento. «O grupo de Sargadelos foi un grupo erguido pola vontade de dous individuos, con recursos propios ou de socios que Isaac chamaba capitalistas, pero que supuxo unha variable bastante distinta a respecto do que había», explica Villares, que remarca, ademais do seu fondo empresarial, o proxecto artístico e estético que tiña por obxecto a concepción da imaxe e do canon estético de Galicia.

«Al folklore lo defienden los llamados tradicionalistas. Nosotros debemos intentar utilizarlo como principio, nada más, de una nueva obra de arte, aprovechando al máximo, en cambio el oficio que hace posible su perduración en el tiempo. Como camino para el futuro; sabiendo que guarda en sus entrañas la originalidad diferenciada de un pueblo. Utilizarlo como los viejos estilos que perduran, para el progreso. Pero no te quiero ahora dar la lata con todo esto».

Luís Seoane xa falaba no 64 dos alicerces dun proxecto cultural que remataría por facer do caolín identidade. Dunha gran obra cultural feita «sendo capaces de seducir ao público comprador, que cando mercaba vaixela ou unha peza de Sargadelos dalgún modo mercaba cultura galega». Un éxito de concepción e de resultados que, porén «non é que fose unha operación comercial, era unha operación intelectual». Cando Seoane estaba no Castro, cando fai o programa das 18 xerras medievais, «está moi entusiasmado con dotar a Galicia de ferramentas que esteticamente representen fóra de Galicia e para todo o mundo e a propia fábrica de Sargadelos foi iso», un instrumento de creación de arte.

Máis de 300 cartas que permiten estudar como se vai creando dende dentro un grupo cultural e como se dá a converxencia de dúas persoas que están en distintos lugares: Díaz Pardo, case todo o tempo en Galicia; Seoane, case todo o tempo na Arxentina. «Esta é a Galicia contemporánea, que se fai nas dúas beiras do Atlántico».

 

É tamén un diario íntimo da relaciónde dúas grandes mentes. As cartas máis intensas son as que van de 1969 a 1972. «Aí vese como Seoane puxa máis por darlle pulo ao Museo Carlos Maside —un emblema da modernidade cultural e estética de Galicia— e Isaac fai máis insistencia na necesidade de preservar a fábrica e a fonte de ingresos para facer todo aquilo». Prodúcense choques, mais nunca rupturas porque «a xeración de galeguista de preguerra e do franquismo eran moito menos sectarios do que hoxe estamos afeitos a ver». Eran quen de asumir a diferenza.

O epistolario é tamén un rexistro persoal da historia recente de Galicia, con alusións, por exemplo, ao traslado dos restos de Castelo a Bonaval: «Creo que sería demasiado entregarles esa baza de ser los retornadores del cadáver de Castelao mientras se instalan en la Xunta para impedir que se haga lo que quería Castelao», escribía Díaz Pardo, ao que Seoane retrucaba que «yo estoy de acuerdo con que no se envían hasta que Galicia goce plenamente de su autonomía o esté claramente en vías de ello».