O caos do presente e a esperanza no futuro, a reflexión de Alfonso Costa

DANIEL BERNARDO / I. C. SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O cadro de «Tremor da consciencia. Fukushima», símbolo da transformación humana
O cadro de «Tremor da consciencia. Fukushima», símbolo da transformación humana PACO RODRÍGUEZ

Os cadros presentan a natureza do ser humano, con sombras e cores vivas

20 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As dúas salas de exposición do Pazo de Fonseca acollen este verán unha exposición de Alfonso Costa na que reflexiona profundamente sobre o caos do cotián, na desorde do mundo, a acumulación innecesaria xeradora de desigualdade e a cegueira do ser humano á hora de pensar na terra que habita. Un percorrido polos cadros, pintados nun período de tempo superior aos dez anos, ofrece unha perspectiva de sombra, de nós con formas infinitas -coma o universo- fronte á segunda serie de cadros, cheos de cor, e que o propio Costa describe como «a transformación do ser humano cara algo metafísico, en momentos convértese en pedra. Unha pedra dura como o granito e case sen sentimentos». O ser humano protéxese a si mesmo do caos e das inxustizas do mundo, péchase en si mesmo para non pensar.

Costa experimenta con todas estas perspectivas para amosarlle ao público que «existe outra forma de mirar». «Cando hai moita luz, non se é capaz de diferenciar os sentimentos, os perfiles nin as sombras. En cambio, cando todo é escuro e só hai un punto de luz permite ver unha parte do mundo con maior claridade. Así, o ser humano ás veces debe recluírse na escuridade para ser capaz de ver a luz», conclúe.

¿Qué pasará co planeta nun futuro? A contaminación da Terra está destruíndoa pouco a pouco. Nestes cadros, Costa trata de reflexionar tamén sobre este futuro e dar unha mensaxe de esperanza sobre o porvir. Os seres humanos «temos que facer do noso planeta algo san, habitable, que poidamos gozalo máis alá sen preocuparnos só de contaminar». Esa reflexión sobre o mundo queda representada con cadros escuros de infinidade e abstracción, como é o caso de Infinita-mente (2018), onde se poden observar os lazos cósmicos, formas inconexas, que se atopan construíndo ao Universo.

Que os cadros fosen creados nun espazo de tempo tan amplo favoreceu a riqueza de perspectivas que amosa Costa na exposición. Explica que «a miña perspectiva sobre o ser humano cambiou co paso da vida, tanto no pictórico coma no mental». Costa ten a firme convicción de que «hai que ir evolucionando». Así o fixo el ao longo da súa vida, e así espera que o faga o ser humano nun futuro. 

Entropía, a desorde do mundo

As dúas pinturas de Entropía (2019), O tremor da consciencia. Fukushima (2012) ou Oquedades (2017); falan sobre esa desorde do universo. Todos coñecen a catástrofe que aconteceu na central nuclear de Fukushima I no 2011. O cadro é unha perfecta representación sobre eses seres metafísicos e case de pedra.

Costa describe a entropía como «un elemento xerador de complexidade», pero tamén como a «acumulación innecesaria que distrae a nosa mente, impídenos discernir moitas cousas sen claridade». A tecnoloxía, Internet, os medios de comunicación... tupen de luz o mundo e impiden ver con precisión moitas das cousas que realmente deberían de destacar.

Agora, a xente que visite esta exposición, ata o día 29, poderá sacar as súas propias conclusións sobre como debería ser o mundo e como debería comportarse o ser humano para preservalo. A variedade de luces e sombras non deixa indiferente a ninguén.