O OUFF homenaxea a Eloy Lozano, o cineasta que fundou o festival

O certame publicará unha monografía sobre o realizador ourensán e proxectará a súa única longametraxe, «Belas dormentes»

Eloy Lozano, en xaneiro do 2000, durante a rodaxe en Santiago da súa longametraxe «Belas dormentes»
Eloy Lozano, en xaneiro do 2000, durante a rodaxe en Santiago da súa longametraxe «Belas dormentes»

Redacción / La Voz

O Ourense Film Festival (OUFF) lembrará na súa edición número 25 ao seu fundador, o cineasta ourensán Eloy Lozano, falecido prematuramente no ano 2009. A homenaxe a quen foi tamén o director do primeiro certame articúlase arredor da proxección da súa longametraxe Belas dormentes -que data do 2001 e adapta a novela xa clásica do premio Nobel Yasunari Kawabata- e a publicación dunha monografía que repasa «a traxectoria de quen foi unha figura imprescindible do mundo audiovisual galego», como sinala a organización.

Eloy Lozano (1953-2009) foi un profesional multidisciplinar que destacou como realizador, guionista, produtor, editor e fotógrafo. Traballou sobre todo no ámbito da publicidade, «aínda que deixou unha pegada imborrable no cine», enxalzan desde o OUFF. Ademais de dirixir a primeira edición do certame ourensán, en 1996, daquela Festival de Cine Independente de Ourense, realizou a primeira curtametraxe en 35 milímetros rodada en galego, Retorno a Tagen Ata, que adapta a nouvelle do mesmo título debida ao narrador Xosé Luís Méndez Ferrín. Foi, en palabras do crítico de cine Eduardo Galán, autor do libro monográfico sobre Lozano, «o noso pioneiro».

E foino pese a filmar unha única longametraxe de ficción, aínda que é certo que é unha moi especial, a citada Belas dormentes. Rodada en Galicia, en inglés, sobre o relato do autor xaponés, conta cun reparto internacional que encabezou o actor británico Clive Arrindell, o coñecido rostro dos anuncios do sorteo de Nadal da lotaría nacional -e que hai pouco rescatou Pescanova tamén para unha campaña publicitaria-. A película foi exhibida no seu momento en varios festivais internacionais, e agora chega a Ourense para conmemorar de paso o 25.º aniversario do certame.

A lembranza de Lozano culmínase coa edición da monografía que preparou Galán e cuxo obxectivo, di, é «reivindicar unha figura que non é suficientemente coñecida pero que é de importancia vital para o audiovisual do país». O libro, titulado Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz, recorda a obra de Lozano a través das conversas que o seu autor mantivo cos seus familiares, amigos e colaboradores, e tamén parte das súas propias vivencias compartidas, xa que Galán e Lozano eran coñecidos e traballaron xuntos na TVG.

A publicación integra o catálogo de obras propias que o OUFF recuperou hai tres anos, e que nesta nova etapa repasou tamén a traxectoria do cineasta Xavier Bermúdez e a produtora Vaca Films.

O OUFF 2020 celebrarase entre os días 23 de setembro e 3 de outubro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O OUFF homenaxea a Eloy Lozano, o cineasta que fundou o festival