A Asociación Camiño Miñoto Ribeiro espera que para o Xacobeo 2021 esté lista a declaración de vía cultural

«Non estamos inventando unha ruta xacobea, está perfectamente documentada», di a plataforma, que xa puxo en marcha unha completa páxina web para difundir o trazado e o seu valor patrimonial

Vista dunha corredoira nun tramo do Camiño Miñoto Ribeiro entre Pazos de Arenteiro e Soutelo de Montes, nunha imaxe que mostra a páxina caminominotoribeiro.com, completa web na que se pode atopar o trazado detallado das nove etapas, a súa xeolocalización ou a descarga da guía da ruta
Vista dunha corredoira nun tramo do Camiño Miñoto Ribeiro entre Pazos de Arenteiro e Soutelo de Montes, nunha imaxe que mostra a páxina caminominotoribeiro.com, completa web na que se pode atopar o trazado detallado das nove etapas, a súa xeolocalización ou a descarga da guía da ruta

Redacción / La Voz

O proxecto da ruta xacobea Camiño Miñoto Ribeiro segue adiante, á espera de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta dea luz verde ao seu recoñecemento como vía cultural, paso previo á declaración final como camiño xacobeo. O alcalde de Cortegada, Avelino Luis de Francisco Martínez, que preside a Asociación Camiño Miñoto Ribeiro, que impulsa o proxecto desde o 2014, recoñece que a crise do covid-19 pode estar demorando a resposta de Patrimonio á súa proposta, que contén unha detallada delimitación perimetral coa definitiva achega do arqueólogo Jorge Lamas Bértolo, pero espera e desexa que a denominación oficial como vía cultural estea lista para o comezo do próximo ano Xacobeo, o 2021. A plataforma de municipios continúa traballando para sacar adiante o novo camiño de Santiago como mostra a web que puxo en marcha hai a penas dous meses e que contribúe a consolidar a información veraz sobre o trazado. Nesta completa páxina (caminominotoribeiro.com) o usuario pode atopar a historia, os intereses cultural, arquitectónico e natural, o debuxo detallado das súas nove etapas galegas (entre Lobios e Compostela), a súa xeolocalización (a través da aplicación Wikiloc) ou a descarga gratuíta dunha ampla guía da ruta.

Detalle da ponte vella de Andón, ao paso do camiño polo concello pontevedrés de Forcarei
Detalle da ponte vella de Andón, ao paso do camiño polo concello pontevedrés de Forcarei

«Pouco a pouco vamos facendo camiño, que xa é unha realidade, eh. Non estamos inventando unha ruta xacobea, está perfectamente documentada», afirma De Francisco, que percibiu en Patrimonio unha receptividade ao proxecto moi positiva. De feito, di, a plataforma xa traballa de forma coordinada cos municipios de Monção, Melgaço e Arcos de Valdevez nas tarefas de investigación e documentación para fixar o trazado portugués orixinal -que alcanza ata Braga-, en permanente contacto co historiador Cástor Pérez Casal, cuxo pioneiro e rigoroso labor foi clave na fundamentación do Camiño Miñoto Ribeiro. Mentres ve como medra a presenza de peregrinos, De Francisco recorda que na raíz deste camiño están as augas termais e o viño do Ribeiro.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
1 votos
Comentarios

A Asociación Camiño Miñoto Ribeiro espera que para o Xacobeo 2021 esté lista a declaración de vía cultural