Outras olladas á historia de Galicia

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

As figuras de Pascual Veiga, Alexandre Finisterre e Miss Gerland forman parte de «Contrahistorias»
As figuras de Pascual Veiga, Alexandre Finisterre e Miss Gerland forman parte de «Contrahistorias»

Varios libros reinterpretan fitos e personaxes do pasado remoto e recente

17 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado de Galicia, do máis remoto ao máis próximo, é a materia prima de varios libros de recente publicación que, dende diferentes perspectivas, propoñen outras olladas á historia común. Unha revisión de personaxes e fitos que poderían constituír unha «cara b» da historia é o propósito de Antonio Reigosa en Contrahistorias de Galicia, mentres que en Galicia contada aos non galeguistas Manuel Veiga Taboada formula preguntas e respostas arredor de cuestións que adoitan agromar nos relatos históricos, do celtismo á emigración. Pola súa banda, o Atlas da Galicia pequeniña, de César Lorenzo Gil e Jorge Campos, recolle dun xeito moi visual unha escolma dos alicerces históricos do país.

En Contrahistorias de Galicia (Edicións Embora), Antonio Reigosa devolve á luz «unha presada de personaxes secundarios, esquecidos e ignorados pola historia oficial», relatos que comparten protagonismo coas ilustracións de Rita Gutiérrez. O volume parte do relato épico do monte Medulio para centrarse na peculiar historia de dúas alfaias: o casco de Leiro e o torque de Burela. As incursións galegas de Almanzor, roubos de reliquias, peregrinos como o xastre Guillaume Manier e o crego Domingo Martínez de Presa, de Calvos de Randín, que no século XVII fabricaba mecanos prodixiosos, son algúns dos relatos menos transitados polas versións oficiais. Outros, moitas veces considerados demasiado anecdóticos ou extravagantes, brillan nestas Contrahistorias: El Pinturero, o único toureiro e paracaidista do mundo; o xigante Monchiño e John Balan son cumpridos exemplos disto.

Outros personaxes son foráneos pero deixaron unha pegada que paga a pena coñecer. Son os casos da escala forzosa do aviador Charles Lindbergh no Miño, entre Galicia e Portugal, e tamén o da enigmática Miss Gerland, que entre 1909 e 1910 pasou por diversas cidades retando a calquera home no ring de loita greco-romana.

Contrahistorias de Galicia toca tamén temas como o de Merckel, o masón alemán que fabricaba cervexa na Coruña de 1808; o piano que sobreviviu a un naufraxio, o Merlín de Cunqueiro e o fantasma de Lady Hester Stanhope e a súa relación coa tumba de Sir John Moore. Mesmo de personaxes tan célebres como Pascual Veiga, o autor da música do Himno Galego, hai oportunidade de relatar un episodio da súa mocidade: a peculiar forma de comunicarse coa muller que amaba.

O libro complétase con máis historias, coma a da raza rubia ou a de inventos saídos de maxíns galegos, o caso do futbolín de Alexandre Finisterre, o ebook de Ángela Ruíz Robles e a calculadora de Ramón Verea Aguiar, entre outros.

Un posible relato común para un país de «pel barroca»

Galicia contada aos non galeguistas (Xerais) é o esforzo de Manuel Veiga Taboada por buscar respostas «sen anteolleiras ideolóxicas» a preguntas clave sobre Galicia e a súa historia, que poidan ser a base dun relato común do país. O autor parte de como a orografía e o clima condicionaron e condicionan o que denomina «a pel barroca» de Galicia: abondosos ríos, mais ningún de grandes dimensións; unha costa case toda amable, un territorio montañoso, pero sen grandes alturas; e un espazo amplamente humanizado, con máis de 30.000 núcleos de poboación. Dende aquí, Veiga aborda cuestións relevantes como as discrepancias en torno ao reino medieval —de Galicia ou de León?— así como as do celtismo, para deterse nos prexuízos contra os galegos, a estrutura da propiedade, a desconfianza e conservadurismo tradicionalmente atribuídos aos galegos ou a capacidade para achegar ministros ao Goberno español durante o século XIX, circunstancias que o autor coñece ben e que analizou polo miúdo no seu libro O pacto galego na construción de España.

En xeral, paira sobre Galicia contada aos non galeguistas a sensación de que en boa medida algúns dos problemas máis prexudiciais para o país teñen a súa orixe na falta de adecuación entre as características propias do lugar e os seus habitantes e o xeito de xestionalos. Veiga reformula a idea de Raymond Carr de que «o centralismo está na orixe do caciquismo», engadindo á distancia a cuestión da diferenza: «Realidades diferentes esixen leis tamén diferentes, para que se poida falar de igualdade de oportunidades». Algo que volve aparecer ao fío da sona litixiosa dos galegos, que «provén da inadecuación da lei xeral á súa realidade particular» e que se percibe detrás das causas da emigración, que se dá nun lugar que nunca acusou excesos de poboación e que contaba con industria, especialmente conserveira. Non en van Veiga considera a emigración o resultado do fracaso modernizador de Galicia.

Un atlas dos castros aos faros, da industria ás festas e a lingua

Aínda que pode ser lido por persoas de todas as idades, o Atlas da Galicia pequeniña (Aira) de César Lorenzo Gil e Jorge Campos está concibido para un lectorado máis mozo. Un mapa de Galicia que combina natureza con referencias históricas e actividades económicas e de lecer é o pórtico de entrada a un percorrido que sigue polas principais cidades e de aí pasa a fitos naturais, das illas atlánticas á Ribeira Sacra. Dun xeito eminentemente visual —e con chiscadelas a personaxes nacidos do lapis como poidan ser o Xabarín ou Isolino, entre outros—, o Atlas pasa dos castros aos faros, da industria á gastronomía e as festas, do entroido ao Camiño de Santiago, sen esquecer a lingua, as lendas e personaxes célebres que deixaron a súa pegada.