Casos disto que expón o autor son O puño e a letra, de Yolanda Castaño, no que dialogan cómic e poesía, ou a adaptación de O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, por Pablo Prado á banda deseñada. Tamén á viñeta trasladouse Fariña, de Nacho Carretero, un libro que inspirou unha serie, dun xeito semellante a como se levou A praia dos afogados, de Domingo Villar, ao cine, e o éxito de producións como O sabor das margaridas, Hierro e La unidad.
Profesionalización
Cuestións en cuxa análise Núñez Sabarís pon en xogo diversos factores que van dende a presenza do galego nas primeiras etapas do ensino, o nacemento da CRTVG ou o papel da Mostra de Ribadavia na profesionalización da escena galega. Esa cuestión, a dos creadores que poidan vivir do seu traballo e non doutro salario, agroma cando se tocan temas como a presenza das obras máis comerciais e a responsabilidade que se lle pode atribuír á literatura na construción dunha identidade colectiva, puntos que ás veces hai quen considera incompatibles. O autor reflexiona sobre como vivir do que se escribe pode «reforzar a autonomía estética» e cuestiona se é posible manter unha concepción centrada exclusivamente no mercado interno. O que leva a outra cuestión, a da proxección internacional da cultura galega. Núñez Sabarís cre que «non se fixo un mal traballo» neste eido e cre que Galicia, se se compara con outras zonas de semellante densidade de poboación, goza dunha presenza moito maior que outras áreas.