«A música tradicional non sería a mesma sen persoas como Seivane»

D. Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Imaxe do patriarca Seivane no obradoiro
Imaxe do patriarca Seivane no obradoiro FUCO REI

A biografía feita por Sánchez Rei remarca o seu legado coa gaita e a música

05 ago 2020 . Actualizado a las 09:44 h.

Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, de Xosé Manuel Sánchez Rei, ven de poñer luz sobre un dos artesáns a quen máis se lle debe da evolución contemporánea do que consideraba como o instrumento por excelencia do país. Cunha nai, Estrela, cun ouvido excepcional para a música e un pai ebanista, segundo Sánchez Rei, o patriarca da saga dos Seivane estaba predestinado a converterse na figura que foi e ao que lle axudou «a súa entrega ao traballo e o seu perfeccionismo», segundo o autor dunha obra que aborda a figura poliédrica dun home curioso, grande conversador e que soubo atender as demandas que recibía.

Sendo gaiteiro, con varias construcións de Seivane na casa e tendo xa publicado artigos sobre a súa figura, o profesor e filólogo Sánchez Rei foi o escollido por Álvaro Seivane para escribir unha biografía que non se queda no anecdotario vital, aínda que faga descubertas neste campo, senón que aborda tamén a súa achega como artesán tras facer a súa primeira gaita no 39 ata que comeza a fabricalas a grande escala no obradoiro de Chao de Pousadoiro. «Fixo gaitas extraordinarias nun momento moi difícil», indica o autor, que di que existen verdadeiras lendas das dificultades dalgúns gaiteiros para chegar a facer as encargas a ese lugar da Pastoriza luguesa ao que se coñeceu como «o santuario da gaita». Era o seu xeito de pagar a un home que contribuíu de xeito significativo á evolución da gaita.

«Seivane estivo á altura das esixencias que lle pedían os gaiteiros», di Sánchez Rei, remarcando a importancia dun legado que se mantén nunha segunda e terceira xeración no obradoiro de Pravio (Cambre) tralo pasamento do patriarca con 90 anos en 2012. «Hoxendía o obradoiro de Seivane é o máis famoso en todo país», di a modo de recoñecemento xeral ao traballo feito.

«A música tradicional non sería a mesma sen persoas como Seivane», sentencia Sánchez Rei, que estima que «agora escoitamos unha gaita galega nunha romaría tradicional, nunha alborada, nunha festa, tamén nun grupo folk e nunha orquestra sinfónica ou de cámara, mais unha grande parte da evolución e desas melloras que tivo a gaita galega son, sen dúbida, debidas a Seivane».

Xosé M. Sánchez Rei
Xosé M. Sánchez Rei ANGEL MANSO

O libro recolle tamén as achegas das cincuenta persoas entrevistadas para debuxar unha imaxe dun home argalleiro e habilidoso, que chegou a ter propostas dunha fábrica polo ben que facía as culatas das armas, mais tamén interesante no seu papel como músico. Clarinetista, ademais de gaiteiro, o seu repertorio permitiu manter pezas da zona de Mondoñedo e do acervo musical da montaña de Lugo. Tamén foi compositor e no libro recóllense as transcripcións das súas partituras feitas por Pedro Lamas e Daniel Bellón.

Sánchez Rei remarca que a publicación, impulsada pola Editorial Canela e que foi presentada a pasada fin de semana en Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas, é sobre todo «unha obra colectiva, na que conflúen a familia, a música e a historia local do país» e que serve para percorrer, da man de Seivane, uns anos de grande transformación.